As xornadas profesionais de Escena Galega 2025 celebraranse en Pontevedra o 17 de xuño, cunha mirada posta na accesibilidade e inclusión nas artes escénicas

As xornadas profesionais de Escena Galega 2025 celebraranse en Pontevedra o 17 de xuño, cunha mirada posta na accesibilidade e inclusión nas artes escénicas

É a primeira vez que a cita se desenvolve en colaboración coa Deputación de Pontevedra

 

As xornadas profesionais de Escena Galega chegan por vez primeira á provincia de Pontevedra, grazas á colaboración coa Deputación, cunha proposta centrada na accesibilidade e a inclusión no eido das artes escénicas. A cita terá lugar o martes 17 de xuño no Salón de Plenos do Pazo provincial, baixo o título “Accesibilidade e inclusión nas artes escénicas: construíndo experiencias accesibles dende o primeiro clic ata a butaca”, e contará cun programa que combina reflexión teórica e aprendizaxe práctica arredor deste eixo central.

Estas xornadas, que son o único foro estable de debate e reflexión para o sector das artes escénicas profesionais en Galicia, están dirixidas a persoas profesionais ou interesadas na inclusión e accesibilidade cultural, e terán unha capacidade máxima de 80 asistentes. A inscrición, gratuíta mais obrigatoria, xa está dispoñible a través do sitio web institucional da Deputación de Pontevedra.

Ao longo da xornada reflexionarase sobre o xeito de facer accesibles os proxectos escénicos para todas as persoas, derrubando barreiras e fomentando a participación de persoas con discapacidade, dentro do traballo que a asociación desenvolve desde o seu Grupo de Traballo de Accesibilidade e Inclusión.

O programa desenvolverase entre as 9:30 e as 19h. Abrirá coa presentación do Grupo de Traballo e unha conferencia introdutoria a cargo de Miguel Valverde e Patricia de Lorenzo, presidenta de Escena Galega. Ás 11h terá lugar unha mesa de experiencias con compañías que traballan en accesibilidade: David Ojeda (De Palmyra Teatro, Madrid), Fran Rei (da asociada Culturactiva) e Paqui Romero (Danza Mobile, Andalucía), moderada por Noelia Castro, vicepresidenta da asociación. Pechará a mañá unha presentación sobre comunicación accesible, impartida por Pablo Vilariño Otero, instrutor da ONCE.

Xa pola tarde, haberá dous obradoiros prácticos. O primeiro, ás 16h, consistirá no deseño dun paseo táctil para persoas con discapacidade visual, da man de Julia Fernández-Nieto Pons (ONCE). O segundo, conducido por Borja Fernández, centrarase no deseño e implementación de audiodescrición mediante o programa QLAB.

Estas xornadas supoñen un novo paso na colaboración entre Escena Galega e a Deputación de Pontevedra, que inclúe tamén o impulso ao circuíto +Escénicas e outras accións de apoio á cultura e ás artes escénicas.

Pode revisarse a información completa aquí.

A actividade é de balde pero require inscrición previa que debe realizarse nesta ligazón antes do vindeiro domingo 15 de xuño ás 23:59h.

© Escena Galega. Todos os dereitos reservados. Deseño: Diego Seixo.