Carta de servizos que Escena Galega ofrece ás súas compañías asociadas
O decálogo de servizos que a asociación aporta ás súas empresas asociadas é o seguinte:
Programa de formación continua e capacitación profesional de balde para as compañías asociadas en eidos como as ferramentas ofimáticas, as estratexias de produción e distribución, comunicación e xestión de redes sociais, fundamentos xurídicos e LCP, financiamento ou xustificación de axudas públicas.
A coorganización coa Agadic do mercado galego das artes escénicas Galicia Escena Pro.
O proxecto de intercambio cultural por medio das artes escénicas Camiño Escena Norte, coas nosas entidades parceiras EscenAsturias (Asturias), Acepae (Cantabria) e Eskena (Euskadi)
A interlocución permanente coa Agadic-Xunta de Galicia para a mellora das convocatorias de axudas públicas de creación e distribución e os circuítos RGTA (Rede Galega de Teatro e Auditorios) e Cultura no Camiño.
A interlocución permanente coas Deputacións Provinciais para a mellora dos seus programas e circuítos, nomeadamente a Rede Cultural da Coruña e a Pontegal de Pontevedra.
O traballo en rede a nivel estatal co resto de asociacións homólogas noutras CCAA, baixo o paraugas da federación Faeteda, e no que intervimos en cuestións como a interlocución co Ministerio e INAEM, comisións de traballo sobre o programa PLATEA ou ordenamento xurídico do sector dependente do ámbito estatal.
Comisións e mesas de traballo permamentes nas que participan todas as compañías asociadas interesadas e sobre os temas e cuestións de interese para o sector.
A organización da Culturgal xunto coas entidades sectoriais AGEM, AGAPI, EGANET e AGE.
Asesoría legal, fiscal e laboral de balde. Contamos tamén puntualmente cun servizo de consultoría e asesoramento gratuítos sobre axudas públicas.
Promoción e difusión da actividade profesional por medio da publicación do noso catálogo de compañías e asistencia a feiras e foros sectoriais (Mercartes, Fira Tárrega, MADFeria, Fetén, Ciudad Rodrigo…)
Proxectos actuais da asociación
A asociación promove ou coorganiza 3 proxectos culturais de dinamización profesional e sectorial:
GALICIA ESCENA PRO
Escena Galega coorganiza dende o 2019 o mercado galego das artes escénicas xunto á Xunta de Galicia, por medio da Agadic. Dende a súa sétima edición, a cita anual inaugura un novo xeito de funcionamento e de xestión que mantén e reforza as finalidades coas que naceu este evento. A través dunha escolma de espectáculos de recente produción e doutras actividades, Galicia Escena PRO continúa a tomarlle o pulso á actualidade do sector. Ao tempo, bríndalles aos seus profesionais unha plataforma dende a que expoñer os seus novos traballos diante do público xeral e dos programadores e programadoras, e demais axentes culturais.
Xunto coa súa faceta de exhibición, Galicia Escena PRO artella un punto de encontro profesional indispensable do noso sistema escénico, que busca estimular a dinámica comercial e a proxección social da creación escénica galega.
Camiño Escena Norte é un proxecto promovido polas asociacións de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia),EscenAsturias (Asturias),Acepae (Cantabria) eEskena (Euskadi), artellado arredor dun novo itinerario de intercambio cultural que toma o roteiro histórico dos Camiños de Santiago do Norte como referencia para unha intensa programación escénica, expandida ademais nos campos das sinerxias sectoriais, a mediación co público ou a reflexión.
Camiño Escena Norte xorde así co obxectivo de coñecer máis e mellor aos nosos veciños e veciñas, dando a posibilidade ao público de ter acceso a producións escénicas doutros territorios ás que doutra maneira non accederían. Aproveitando este roteiro cultural e histórico que nos une dende hai séculos creamos un novo camiño de cultura con espectáculos de teatro e danza, encontros, obradoiros, exposicións ou xornadas profesionais, no que mostrar a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes escénicos da produción escénica galega, asturiana, cántabra e vasca.
Culturgal está organizada pola asociación do mesmo nome, constituída no 2010 para dar continuidade e estabilidade a unha feira que arrancara de maneira exitosa en 2007. Fan parte e promoven Culturgal as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi)
Os obxectivos desta cita anual son facilitar a participación de empresas, creadoras e creadores, profesionais e públicos, e estimular a compra de produtos culturais, nun evento que cumpre en 2020 a súa a décimoterceira edición como unha ferramenta necesaria para o sector cultural do país. Culturgal defínese como un dispositivo ao servizo do sector cultural e da sociedade, en xeral