Escena Galega e Cafés Candelas: unha colaboración que se bebe a grolos

Escena Galega e Cafés Candelas: unha colaboración que se bebe a grolos

Cafés Candelas patrocinou un ano máis a actividade da asociación

As artes escénicas son moito máis que os espectáculos que vemos sobre o escenario. Detrás de cada función hai meses de traballo, investigación, xestión e alianzas estratéxicas para que os proxectos escénicos galegos sigan medrando. En Escena Galega, traballamos día a día para fortalecer o sector, defender os dereitos das compañías, crear novas oportunidades e abrir camiños que permitan que o teatro, a danza, a maxia e o novo circo galego teñan maior visibilidade e alcance.

Dende a Asociación de Empresas de Artes Escénicas de Galicia pulamos por facer valor o sector galego tecendo alianzas entre as compañías e as administracións, e defendendo fronte a elas os seus intereses. Facémolo tamén traballando colectivamente con outros territorios en proxectos como Camino Escena Norte, que conecta o noso teatro co resto do norte peninsular, rompendo fronteiras e abrindo novos espazos de exhibición. Ou nas Xornadas Profesionais Anuais, ese punto de encontro imprescindible onde creadoras, compañías e programadoras se atopan para construír o futuro das nosas artes escénicas e o único foro estable de reflexión e traballo para o sector dende hai 15 anos. Na co-organización de Galicia Escena PRO, o mercado das artes escénicas galegas promovido pola Xunta de Galicia, tamén estamos presentes e nel buscamos xerar un punto de encontro e facilitar a programación de propostas e buscar sinerxías co público.

O noso labor tamén implica tecer redes sólidas dentro do sector. A Xornada de Venda con AGEM pon en contacto directo ás compañías con profesionais da programación cultural de entidades públicas e privadas, para facilitar que os seus espectáculos cheguen a máis escenarios. E con ACOMPAÑA, apoiamos ás novas compañías emerxentes no proceso de profesionalización, axudándoas na distribución, comunicación e xestión dos seus proxectos. 

Traballar en escena require enerxía, compromiso e unha dedicación que non entende de horarios. E que mellor compañía para este camiño que un bo café galego? Como o teatro, o café é un ritual, un momento de pausa e de inspiración. Unha mestura precisa de tempos, ingredientes e coidado para acadar o equilibrio perfecto. Cafés Candelas comparte connosco ese respecto polo proceso e pola excelencia no resultado.

Non é casualidade que Cafés Candelas teña acompañado o noso labor un ano máis. Dende a cafeteira lucense avogan por apoiar a asociacións como a nosa, que sosteñan o sector, que reforcen o que facemos e que nos permitan seguir medrando. O café sempre sae quente, os escenarios están sempre en directo e a cultura precisa deste tipo de compromisos para seguir viva. Brindemos co seu café pola nosa alianza!



© Escena Galega. Todos os dereitos reservados. Deseño: Diego Seixo.