Escena Galega organiza a 4ª xornada de promoción e venda en colaboración con AGEM o vindeiro martes 5 de novembro
A xornada conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Agadic e o Culturgal, e celebrarase na Cidade da Cultura, en Santiago
Dende Escena Galega (Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas) e AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) organizamos, un ano máis, a que xa é a IV XORNADA PROFESIONAL DE PROMOCIÓN ESCÉNICA E MUSICAL DE GALICIA, que promovemos conxuntamente por 3º ano consecutivo e que terá lugar no Auditorio Xosé Neira Vilas e a Sala Eisenman da Cidade da Cultura (Santiago de Compostela) o vindeiro martes 5 de novembro de 10.00 a 18.30 h.
A xornada trata de crear ano a ano con éxito un espazo profesionalizado de relación entre compañías de artes escénicas, empresas musicais e profesionais da programación cultural para axudar a facilitar a labor de distribución e venda dos espectáculos e contidos musicais, por unha banda, e de contratación dos mesmos, pola outra. Os los resultados das anteriores edicións respaldan á cita, xa asentada no calendario profesional do sector da música e as artes escénicas en Galicia.
Contará coa participación dun grupo de profesionais moi diverso, por suposto dirixido ás e aos profesionais da programación cultural dos Concellos galegos pero tamén a unha escolma de teatros, festivais e outras entidades programadoras da Rexión Norte de Portugal e tamén a axentes do ámbito privado, como fundacións, salas privadas de exhibición ou superficies comerciais con actividades culturais dentro da súa oferta.
A información completa da xornada pode revisarse aquí e pódese realizar inscrición premendo aquí no prazo improrrogable dunha semana, ata o venres 25 de outubro ás 14.00 h.
CUESTIÓNS A DESTACAR E NOVIDADES:
- A inscrición é pechada para socias das dúas entidades organizadoras.
- A participación na xornada é de balde (sen custo), e ademais dende a organización aboarase para as e os profesionais da programación os gastos de desprazamento derivados da súa asistencia. No caso da asistencia de profesionais de Portugal, é por mor da distancia, a organización ofrecerá tamén aloxamento na noite do luns 4 ao martes 5 de novembro.
- Como grande novidade deste ano, no horario de mañá transfórmase a rolda de presentación de propostas escénicas e musicais, pasando do formato pitching ao formato showcase, de xeito que cada banda ou compañía contará con máis tempo e ademais os medios técnicos necesarios para tocar música en directo, ou no caso das escénicas levar a cabo presentacións dos espectáculos que conteñan elementos como vestiario ou atrezzo.
Pódese ver un petisco de como foi a xornada do ano 2023 aquí.
A actividade conta un ano máis co apoio da Xunta de Galicia por medio da Agadic, e desta volta tamén da Culturgal-Feira das Culturas Galegas, da que Escena Galega e AGEM somos coorganizadoras.