As xornadas profesionais de Escena Galega 2024 celebraranse en Carballo o 22 de outubro, e propoñen unha reflexión conxunta sobre os públicos das artes escénicas
Contan, unha edición máis, co financiamento da Deputación da Coruña, a colaboración do FIOT e o patrocinio de Cafés Candelas
Voltan as xornadas profesionais de Escena Galega, cun programa que leva por título "As artes escénicas profesionais e os públicos: do concepto do espectador ao de comunidade arredor da escena". Desta volta, a proposta desenvolverase no Salón de Actos do Pazo da Cultura de Carballo o vindeiro martes 22 de outubro en xornada de 09.30 a 18.30h, ao abeiro da programación do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT).
Neste 2024, Escena Galega adica as súas xornadas profesionais anuais a abordar a cuestión dos públicos nas artes escénicas profesionais dende unha perspectiva ampla e aglutinadora.
As temáticas aquí debulladas pretenden reflexionar sobre o marco xeral dos públicos da cultura pero centrando a cuestión na especificidade dos públicos das artes escénicas. Queremos levar a cabo unhas xornadas o máis transversais posibles arredor deste tema, dentro do concepto xeral da transformación do concepto de “público espectador” ao de creación dunha verdadeira comunidade arredor das artes escénicas, que non só entenda senón que defenda como parte indispensable do ecosistema cultural a existencia de programacións escénicas estables para todas as persoas, máis alá do seu contexto persoal, situación socioeconómica ou do lugar onde residan.
Falaremos dos públicos pero tamén dos non públicos e de como achegarnos a eles e elas, con recursos e estratexias dende a mediación ata a comunicación cultural, centrándonos neste caso nas súas eivas para o sector, reflexionando sobre como achegar, nesta sociedade multipantalla e multicanal, a información sobre a escena galega profesional dun xeito efectivo e directo. Tamén da necesaria, e apenas desenvolvida en Galicia dun xeito global, relación entre a escena e a escola, con accións para escolares diversas que vaian máis alá da exhibición de espectáculos e sirvan para crear públicos de futuro.
Alén de todo isto, queremos poñer o foco tamén na escena amadora como xeradora de públicos e dinámicas socioculturais que poden ser de interese tamén no eido profesional, e nas comunidades sociais de contextos non urbanos, cunha mesa de proxectos de artes escénicas desenvolvidos en e para o medio rural.
As xornadas xerarán unha crónica e documento marco de conclusións, que Escena Galega encargou á Erregueté (Revista Galega de Teatro), como o medio de comunicación de referencia para o sector no país.
Ao longo das 5 mesas proxectadas para o día, as persoas asistentes poderán reflexionar sobre as distintas perspectivas e realidades dos públicos das artes escénicas e cuestións vencelladas á mediación, á escena -tanto amadora como profesional-, o medio rural, o ámbito educativo ou a comunicación cultural.
Pode revisarse a información completa e o programa aquí.
A actividade é de balde pero require inscrición previa, que debe realizarse a través desta ligazón ata o luns 21 de outubro ás 14.00 h.
As xornadas profesionais de Escena Galega son, dende hai 15 anos, un foro estable de debate, reflexión e traballo sectorial para as artes escénicas profesionais en Galicia.
Esta actividade conta co financiamento da Deputación Provincial da Coruña, a colaboración do FIOT de Carballo e o patrocinio de Cafés Candelas