
Escena Galega fixo entrega dos Recoñecementos Escena Galega das Artes Escénicas 2025
Estes galardóns de carácter non competitivo xa suman tres edicións e pretenden poñer en valor a contribución de compañías, entidades e outras profesionais á escena galega

O pasado 8 de outubro de 2025 compartimos un xantar íntimo e distendido na cafetaría da Cidade da Cultura e fixemos entrega dos Recoñecementos Escena Galega das Artes Escénicas 2025.
Socia de Honra de Escena Galega 2025: Talía Teatro
Con máis de 37 anos ás costas, a compañía Talía Teatro é socia fundadora de Escena Galega. É unha das empresas teatrais con máis percorrido no panorama teatral galego. Ademais das súas destacadas propostas artísticas Talía Teatro destaca por un modelo empresarial sólido e singular.
Recoñecemento Escena Galega 2025 "ao labor transformador nas artes escénicas": A Panadaría
Creada ao abeiro da ESAD de Galicia, A Panadaría serviu de exemplo para moitas alumnas polo seu bo facer. O seu labor destaca principalmente pola defensa dos dereitos das mulleres e do colectivo LGTBIQ+ desde un punto de vista orixinal e divertido. Un elemento este que serviu para transformar as artes escénicas actuais en Galicia.
Recoñecemento Escena Galega 2025 á traxectoria "toda unha vida a sachar": Miguel Soto - RTA (Recursos Técnicos Artísticos)
Sempre presente e sempre disposto a botar unha man. A evolución técnica nas artes escénicas en Galicia non ser podería levar a cabo sen a súa figura. Mentor de moitos profesionais é unha das figuras fundamentais do panorama teatral galego. Unha referencia.
Recoñecemento Escena Galega 2025 "ao proxecto de resistencia nas artes escénicas": A Artística - Vigo
A Artística recibe o premio por ser un lugar de nexo artístico. Un lugar que serviu para formar a moitas profesionais das artes escénicas cando non existían estudos regrados. Un espazo no que fomentan a creación escénica contemporánea e a investigación artística. A Artística resiste como resiste a arte a pesar das trabas que nos poñan polo camiño.
Recoñecemento Escena Galega 2025 "a facernos visibles": Ana Romaní
Xornalista e Poeta, Ana Romaní recibe o recoñecemento por facernos visibles. Grazas a súa participación no "Diario Cultural", Ana fixo e fai visible a arte escénica profesional para o gran público dende os anos 90. Un exemplo no trato e no coñecemento do noso sector agardamos que a súa labor poda continuar durante moitos anos máis.
Recoñecemento Escena Galega 2025 "á riquiñez e ao bo trato": Copi Villaamil (animadora sociocultural do Concello de Neda)
Natividad Villaamil ou a tamén coñecida como "Copi" de Neda leva este recoñecemento polo seu bo facer, polo bo trato ás compañías e pola súa maneira de traballar: sempre dispoñible e sempre atenta para responder as necesidades das nosas empresas.
A peza dos recoñecementos
Tal e como se estipulou na primeira edición deste evento, Escena Galega encarga cada ano a peza física dos recoñecementos a distintas creadoras e creadores galegos, dándolles total liberdade para que o recoñecemento sexa orixinal e diferente en cada edición. Este ano asumiu a encarga Pepe Penabade, que sorprendeu aos premiados cunha estatuíña feita con guiadores de bicicletas.
Aquí podes ver o vídeo resumo e tamén o álbum completo coas fotografías do evento.