Escena Galega desenvolverá o vindeiro 14 de outubro as súas Xornadas Profesionais 2021
Tras o parón en 2020 por mor da pandemia retoma a actividade, desta volta en colaboración co FIOT Carballo
Neste 2021 ESCENA GALEGA recupera as súas xornadas profesionais despois do parón na actividade habitual da asociación que supuxo a crise da COVID-19, e artellando un marco de colaboración co FIOT (Festival Internacional de Outono de Teatro) de Carballo para volver crear un foro no que compartir coñecementos, crear sinerxias e explorar novas posibilidades para a mellora transversal do sector escénico profesional galego.
Temática das xornadas e eixos de traballo
Cunha sesión de traballo moi completa, as xornadas centraranse este ano nalgúns dos retos que afrontamos dentro da postpandemia, unha crise sanitaria, social, económica e cultural que supuxo o maior e máis rápido cambio nas dinámicas sectoriais e na relación cos públicos das últimas décadas.
Atenderemos por unha banda ao que pasou, repasando desde distintas perspectivas (administracións públicas, compañías), todo o referente ás estratexias implementadas para o mantemento do sector, tentando tirar conclusións e posibilidades das cuestións positivas que poden quedar destas.
En relación cos públicos achegarémonos tamén á necesidade de recuperar, potenciar e artellar, dende un punto de vista aglutinante e de colaboración entre o sector e o eido educativo, novos proxectos de artes escénicas que poñan en relación ás artes escénicas coa escola.
Por vez primeira, ademais, nas nosas xornadas profesionais achegarémonos á actualidade do eido da danza e as artes do movemento e de como (re)activar este tamén dende unha perspectiva global atendendo non só á creación e circulación de espectáculos senón tamén á formación, promoción do talento e posta ao dispor de espazos e recursos para a acción escénica.
As xornadas estarán estruturadas en dous grandes bloques, sendo a actividade en horario de mañá de exposición e debate colectivo e a quenda de tarde de dinámicas de traballo sobre os temas propostos, co obxectivo de chegar en cada caso a unha pequena batería de conclusións.
Pode descargarse o documento coa programación completa, horarios e demáis información de interese aquí.
Inscrición
Para inscribirse nas xornadas será necesario enviar un correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. co asunto “Inscrición xornadas profesionais” e indicando nome completo/ teléfono de contacto/relación co sector das artes escénicas ata o mércores 13 de outubro ás 14.00 h.
Estas xornadas contan coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic)