Luma Gómez, Premio de Honra da Fundación AISGE no festival de cinema de Ourense (OUFF)
A actriz, compoñente da socia de horna Teatro do Noroeste, participou en máis de cincuenta montaxes teatrais ademais de en varias series televisivas, películas e curtametraxes ao longo da súa carreira
Escena Galega está de celebración polo recoñecemento á traxectoria de Luma Gómez, da socia Teatro do Noroeste, a través do Premio de Honra da Fundación AISGE. O galardón entregase ao abeiro do 26º Festival Internacional de Cinema de Ourense (OUFF), que está a ter lugar do 24 de setembro ao 2 de outubro na cidade.
A tamén actriz Isabel Blanco (delegada da Fundación en Galicia), afirmou que “a memoria é o noso valor máis prezado, e neste exercicio de memoria a entidade queremos recoñecer a valía de Luma e seguir gozando da súa mestría e interpretacións sobre o escenario". Coa entrega deste galardón, Gómez engrosa un palmarés que nas máis recentes edicións serviu para aplaudir as outras figuras moi recoñecidas da nosa escena como Mabel Rivera (2018), María Bouzas (2019) e Rosa Álvarez, no caso de 2020.
Unha vida sobre as táboas
Luma Gómez, actriz e directora ferrolá, conta con máis de 50 montaxes teatrais ás súas costas e ducias de interpretacións no cinema e na televisión. Sobre as táboas, destaca en obras como Os vellos non deben de namorarse, de A. R.Castelao; O enfermo imaxinario, de Moliere; Un soño de verán, de Shakespeare; Las galas del difunto, de Ramón María do Valle Inclán; Eu estaba na casa e agardaba que viñese a chuvia, de Jean-Luc Lagarce co Centro Dramático Galego. Tamén en A grande noite de Fiz, de Miguel A. Murado; Noite de Reis, de W. Shakespeare, Unha rosa é unha rosa ( Unha comedia de medo), de Suso de Toro; Glass City (Ciudad de cristal), de Eduardo Alonso, ou Historias peregrinas, de Miguel Anxo Murado, coa compañía Teatro do Noroeste.
No eido audiovisual Luma ten participado en varias curtametraxes e en seis longametraxes, destacando os seus papeis de Marica da Fame, a coprotagonista do bosque animado (1997), de José Luis Cuerda; Urxa, o personaxe que daba título a Urxa, de Carlos Piñeiro e Alfredo Pinal (1989), e María Soliña na película La pasión de María Soliña (2011), de Emilio Fernández e Alfonso Castaño. En televisión puidemos vela en series como Celia (TVE, 1991), dirixida por José Luis Cuerda e José Luis Borau e en varias ficcións da TVG como Servizo de Urxencias, Pratos Combinados, A familia Pita ou A Escoba.
A actriz ferrolá, moi emocionada ao enterarse, deu as grazas “tanto a fundación como o festival por este premio tan importante como inesperado. Este recoñecemento significa moito para min por un traballo que amo e que move a miña vida”. Isabel Blanco, delegada da Fundación AISGE en Galicia explica a concesión deste premio a Luma Gómez, porque a actriz representa a máis pura nobreza do teatro galego, sendo unha dama da escena, que deixa unha estela moi importante no seu percorrido vital, sendo unha actriz polivalente ao longo do tempo, mostrando ademáis a súa veteranía na ficción tanto como actriz de imaxe en series de televisión, en películas de prestixio, como na dobraxe en calidade de actriz de voz.