Skip to main content
Teatro de Ningures, Colectivo RPM, Sala Ártika, Salvador Forján, Moisés González, Luciano Fernández e Carlos Lorenzo reciben os IV Recoñecementos de Escena Galega das Artes Escénicas

Teatro de Ningures, Colectivo RPM, Sala Ártika, Salvador Forján, Moisés González, Luciano Fernández e Carlos Lorenzo reciben os IV Recoñecementos de Escena Galega das Artes Escénicas

Celebramos unha festa de verán no Pazo da Peregrina de Ames presentada pola bailarina, coreógrafa e socia Marta Alonso Tejada

Escena Galega recoñece na cuarta edición dos seus Recoñecementos das Artes Escénicas a sete persoas, colectivos e entidades que representan ámbitos esenciais para a creación, a exhibición, a técnica, a xestión cultural e o desenvolvemento do sector escénico galego.

A asociación celebrou este martes no Pazo da Peregrina de Ames a gala de entrega dos IV Recoñecementos de Escena Galega das Artes Escénicas, unha cita concibida como unha festa de verán para o encontro e a celebración da comunidade escénica galega. A creadora Marta Alonso Tejada exerceu como mestra de cerimonias dunha velada marcada polo humor, a retranca, a música e o espírito de facer comunidade que define esta iniciativa desde o seu nacemento.

Teatro de Ningures, nova Socia de Honra

Escena Galega distingue como Socia de Honra a Teatro de Ningures, compañía fundada en 1986 e referente da creación teatral galega contemporánea. Cunha traxectoria de catro décadas e máis de trinta espectáculos producidos e distribuídos dentro e fóra de Galicia, a formación mantén unha intensa vinculación coa comarca do Morrazo, un dos territorios con maior tradición escénica do país.

A asociación recoñece non só a súa achega artística, senón tamén o seu labor comunitario e pedagóxico, materializado en proxectos como a Escola Municipal de Artes Escénicas de Cangas, o espectáculo multitudinario A defensa da vila ou a súa implicación na Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas e nas actividades teatrais da Universidade de Vigo. Tras corenta anos de actividade ininterrompida, Teatro de Ningures continúa a ser un dos motores fundamentais das artes escénicas galegas. 

Tres traxectorias recoñecidas

Os recoñecementos á traxectoria “toda unha vida a sachar” recaen en Salvador Forján e Moisés González, dúas figuras imprescindibles para comprender a historia recente da técnica escénica en Galicia.

Salvador Forján, encargado da maquinaria escénica da Axencia Galega das Industrias Culturais e técnico residente do Salón Teatro, desenvolve a maior parte da súa carreira profesional ligado ao Centro Dramático Galego. Incorporado ao proxecto en 1986 da man de Eduardo Alonso e Ernesto Chao, converteuse nun dos grandes coñecedores das tripas do principal escenario público do teatro galego, facendo posible durante décadas o funcionamento técnico de centos de producións.

Pola súa parte, Moisés González desenvolve durante trinta e seis anos o seu traballo no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Proxeccionista nos ciclos de cine e festivais que acolleu o espazo e técnico en montaxes teatrais e eventos culturais, a súa profesionalidade, discreción e capacidade para resolver problemas convertérono nunha referencia para compañías e profesionais que pasaron polo histórico teatro compostelán.

Con este recoñecemento, Escena Galega quere dar visibilidade a aquelas persoas que, lonxe dos focos, sosteñen co seu traballo diario a actividade escénica do país.

O recoñecemento á traxectoria “marcho, que teño que marchar” distingue a Luciano Fernández, director técnico do Padroado da Cultura do Concello de Narón e responsable dun dos proxectos de exhibición teatral máis sólidos de Galicia.

Vencellado ao teatro desde os anos 80, Fernández contribúe decisivamente a converter Narón nun referente da programación escénica, cun modelo que combina estabilidade, coidado técnico, formación de públicos e apoio ás compañías. Ao longo da súa carreira impulsa iniciativas como o Festival Internacional Singular ou a Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil MOTIX, que mobiliza cada ano milleiros de escolares de toda a comarca de Ferrolterra.

O recoñecemento “a quen traballa arreo e sempre está, chova ou ventee” recae en Carlos Lorenzo, técnico de Cultura do Concello de Carral, pola súa longa traxectoria profesional e polo seu compromiso co fortalecemento do sector cultural galego.

Xestor cultural, fotógrafo e creador audiovisual, Lorenzo desenvolve desde 1995 unha intensa actividade arredor da programación escénica e da mediación cultural. Ademais do seu traballo en Carral, participa activamente en entidades como a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural ou a Academia Galega de Teatro, impulsando iniciativas de reflexión, formación e mellora do sector.

Escena Galega destaca a súa disposición permanente á colaboración, a súa capacidade para construír redes profesionais e a súa contribución constante ao desenvolvemento das artes escénicas galegas desde o ámbito da xestión cultural.

O compromiso coa creación e a programación

O Colectivo RPM recibe o recoñecemento “ás que resisten tecendo novas realidades” polo seu labor de apoio á creación contemporánea, á investigación artística e ao acompañamento das profesionais da danza e das artes vivas en Galicia.

A entidade desenvolve un intenso traballo de mediación, cooperación institucional e acompañamento de procesos creativos a través de programas como Residencias Paraíso, unha das iniciativas de referencia para a investigación e creación escénica contemporánea en Galicia, ou Cruceiros Paraíso, que facilita intercambios e colaboracións con espazos estatais e internacionais. Escena Galega destaca especialmente a súa capacidade para construír redes, xerar oportunidades e conectar a práctica artística coa cidadanía.

A Sala Ártika de Vigo recibe o recoñecemento “ás bravas tenaces do sur” polo seu papel como un dos espazos independentes máis relevantes das artes escénicas galegas.

Desde a súa apertura en 2014, a sala mantén unha programación estable e continuada que a converte nun referente tanto para o público como para as compañías. O seu compromiso coa exhibición en lingua galega, coa creación do país e coa apertura a propostas estatais e internacionais materialízase tamén en proxectos como o Festival Internacional de Teatro de Vigo (FITAVI).

Escena Galega quere recoñecer a capacidade de resistencia dun proxecto cultural que, desde a iniciativa privada, contribúe de forma decisiva á difusión e consolidación das artes escénicas en Galicia.

Sobre os Recoñecementos de Escena Galega das Artes Escénicas

Os Recoñecementos de Escena Galega das Artes Escénicas nacen en 2023 coa vontade de ofrecer un recoñecemento sectorial afastado dos formatos competitivos tradicionais. Fronte ao modelo dos premios convencionais, a asociación aposta por visibilizar e poñer en valor persoas, proxectos e entidades que contribúen ao fortalecemento do ecosistema escénico galego. Sen categorías fixas nin nomenclaturas permanentes, os recoñecementos mudan cada ano para adaptarse ás realidades e necesidades do sector, mantendo sempre a figura da Socia de Honra e os galardóns dedicados ás traxectorias profesionais.

A selección das persoas, colectivos e entidades recoñecidas corre a cargo dunha comisión mixta integrada por representantes da asociación e por profesionais externas de recoñecido prestixio. Na edición de 2026 formaron parte dela Eva Alonso Gómez, presidenta de Escena Galega; Diego Vázquez Meizoso, xerente da entidade, como secretario con voz e sen voto; Nieves Lema Vilariño, técnica de cultura do Concello de Vimianzo; e Laura Romero Iturralde, escenógrafa e iluminadora escénica.

Como parte da identidade propia destes recoñecementos, cada edición conta coa colaboración dun creador convidado para deseñar as pezas que reciben as persoas e entidades distinguidas. Nesta ocasión, Escena Galega confiou este labor á ceramista Olalla Lojo, impulsora de MISOCO, un proxecto que explora as posibilidades da cerámica contemporánea desde o diálogo entre tradición, deseño e funcionalidade.

Inspirada no fogar, na natureza e na cultura que a rodea, Lojo desenvolve un traballo caracterizado pola experimentación coa materia, a delicadeza das formas e unha estética minimalista que busca a beleza nos obxectos de uso cotián. Seguindo a filosofía dos Recoñecementos de Escena Galega, a creadora dispuxo de total liberdade para concibir unhas pezas únicas que simbolizan esta cuarta edición.

LISTADO IV RECOÑECEMENTOS DE ESCENA GALEGA DAS ARTES ESCÉNICAS

  • Socia de Honra: Teatro de Ningures
  • Recoñecemento á traxectoria "toda unha vida a sachar": Salvador Forján (encargado de estruturas escénicas da Agadic e técnico residente do Salón Teatro) e Moisés González (técnico do Teatro Principal de Santiago de Compostela)
  • Recoñecemento á traxectoria "marcho, que teño que marchar": Luciano Fernández (director técnico do Padroado da Cultura do Concello de Narón)
  • Recoñecemento "ás que resisten tecendo novas realidades": Colectivo RPM
  • Recoñecemento "ás bravas tenaces do sur": Sala Ártika de Vigo
  • Recoñecemento "a quen traballa arreo e sempre está, chova ou ventee": Carlos Lorenzo (técnico de cultura do Concello de Carral)
FaLang translation system by Faboba