Skip to main content
Escena Galega centra as súas Xornadas Profesionais 2026 na relación entre as artes escénicas e a comunidade escolar

Escena Galega centra as súas Xornadas Profesionais 2026 na relación entre as artes escénicas e a comunidade escolar

As Xornadas Profesionais Escena Galega 2026 celebraranse o martes 29 de setembro no Pazo da Cultura de Narón e presentarán por primeira vez o proxecto dun futuro circuíto escénico escolar galego

Escena Galega celebrará o vindeiro martes 29 de setembro as súas Xornadas Profesionais 2026, un encontro que reunirá o sector das artes escénicas profesionais en Galicia arredor da relación entre as programacións escolares, os públicos e as artes escénicas.

Baixo o título «Programacións e circuítos escolares de artes escénicas: modelos, exemplos de boas prácticas e propostas de futuro», as xornadas desenvolveranse de 10.00 a 19.00 horas no Pazo da Cultura de Narón, co apoio e financiamento da Deputación da Coruña e do Padroado da Cultura do Concello de Narón.

As Xornadas Profesionais de Escena Galega constitúen, desde hai máis de 15 anos, un foro estable de debate, reflexión e traballo sectorial para as artes escénicas profesionais en Galicia. Nesta edición, o encontro pon o foco no público e na comunidade escolar e na súa relación coas artes escénicas profesionais, abordando cuestións como a relación entre escena e escola, as accións de mediación, o desenvolvemento persoal a través das artes escénicas e diferentes modelos de programación e traballo.

Entre os principais obxectivos da xornada están traballar sobre modelos de relación entre a escena profesional e a escola, coñecer experiencias e boas prácticas de mediación e reflexionar sobre posibles proxectos de referencia tanto en Galicia como no resto do Estado.

Un futuro circuíto escénico escolar galego

Un dos momentos destacados da xornada será a presentación pública do proxecto de circuíto escolar galego promovido por Escena Galega, que ten como obxectivo poñer en marcha unha primeira fase piloto no primeiro trimestre de 2027.

A proposta contempla un circuíto autonómico en oito localidades das catro provincias galegas, que combinará a exhibición de espectáculos con accións de mediación e de relación coa comunidade escolar e os centros de ensino.

Experiencias e propostas para achegar as artes escénicas á escola

O programa contará con tres mesas de debate que permitirán coñecer diferentes experiencias e abordar os retos existentes na relación entre as artes escénicas e o ámbito educativo.

A primeira mesa estará dedicada aos modelos de circuítos e programacións escolares, con experiencias de Cantabria, Murcia e Madrid. Na segunda, centrada na mediación como fórmula de relación cos centros de ensino e o público escolar, participarán representantes do Padroado da Cultura de Narón, do Mercat de les Flors de Barcelona e da compañía galega Elefante Elegante.

A terceira mesa abordará a relación entre artes escénicas e escola, coa participación de representantes das familias, do ensino, do Consello da Cultura Galega e da Universidade de Santiago de Compostela. O debate permitirá reflexionar sobre os retos para achegar o alumnado ás artes escénicas, os seus beneficios educativos e o papel da cultura e da lingua galega neste proceso.

A xornada pecharase cunha mesa participativa sobre a acción política necesaria para o desenvolvemento de proxectos escénicos para a comunidade escolar, na que representantes das administracións públicas galegas e profesionais do sector abordarán estratexias, oportunidades e casos de éxito. O encontro concluirá coa elaboración dun decálogo de propostas e compromisos.

Consulta o programa completo.

Inscrición

A participación nas xornadas é de balde e por orde de inscrición, ata completar o número de prazas dispoñibles. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través deste formulario.

A actividade contará con medidas de accesibilidade para as persoas que as soliciten previamente, segundo as condicións indicadas no programa e no formulario de inscrición.

As Xornadas Profesionais Escena Galega 2026 terán lugar o martes 29 de setembro, de 10.00 a 19.00 horas, no Pazo da Cultura de Narón (Rúa Holanda, s/n). Para máis información, pódese contactar con Escena Galega no enderezo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou no teléfono 647 478 236.

FaLang translation system by Faboba