Skip to main content
Galicia Escena PRO pechou a súa 13ª edición cun récord de participación profesional

Galicia Escena PRO pechou a súa 13ª edición cun récord de participación profesional

Galicia Escena PRO 2026 concluíu cunha intensa actividade profesional que reforzou o papel deste encontro como principal escaparate das artes escénicas galegas

A 13ª edición de Galicia Escena PRO, organizada pola Axencia Galega das Industrias Culturais e a asociación Escena Galega, celebrouse do 25 ao 28 de maio e reuniu durante catro xornadas un total de 252 profesionais da programación, distribución e produción de espectáculos, a maior cifra rexistrada ata o momento. Entre as persoas acreditadas participaron 84 responsables de teatros, festivais, redes e circuítos de exhibición de Galicia, do resto do Estado e de Portugal, superando tamén os datos das edicións anteriores.

A actividade profesional desenvolveuse principalmente na Zona PRO, instalada no Museo das Peregrinacións e de Santiago, onde tiveron lugar arredor de 500 reunións de traballo one to one destinadas a favorecer a contratación, distribución e circulación das producións escénicas galegas. Entre as entidades participantes atopábanse representantes de destacados eventos e estruturas de exhibición como FiraTàrrega, MadFeria, Dansa València, Cena Lusófona, Festival Internacional Cómico de Maia ou Red Acieloabierto, entre outras.

Exhibición de propostas de artes escénicas

A edición de 2026 destacou tamén pola elevada resposta do sector á convocatoria artística. Galicia Escena PRO recibiu un total de 136 propostas, a cifra máis alta da súa historia, das que 82 se presentaron para exhibición en formato completo e 54 para as sesións de pitching destinadas a proxectos en proceso de creación.

A programación seleccionada por unha comisión profesional designada por Escena Galega estivo integrada por 32 espectáculos e proxectos de produción galega.

Así, puidemos ver 19 espectáculos: Coralinda de Elefante Elegante, Tranparentar de Enésima, Diz-me, meu amor de Raquel Ferradás & María de Vicente, Artur Ui, o ovo da serpe de Talía Teatro, BenQuerer de Fran Sieira compañía de danza, O libro da selva. O musical de Ártika Cía., Oh, mammi blue de Cinema Sticado, Alén de Colectivo Glovo, Sen patrón de Pistacatro, Bio Construción de Ibuprofeno Teatro, Voo de Teatro O Cubo, Meu rei de Daniel Lezso, Miña pequena de Constance Hurlé, Manual de patronaxe de Teatro do Noroeste, Ninguén tira fotos nos enterros de Carlota Mosquera, 52-BLAU de iXa, Alicia Wants To de Bengala Teatro Físico, Mofa&Befa: Os dous de sempre de Producións Teatrais Excéntricas e Xoguetes rotos de Barrosanta e ButacaZero.

Ademais, recibimos as propostas Quema de Cía. Jacob Gómez da man de Dansa València e El escondite de la abuela de La Tartana Teatro, en colaboración con MADFeria.

Finalmente, durante as sesións de presentación de proxectos en formato pitching, descubrimos 13 novos títulos, que verán a luz nos vindeiros meses. Participaron as socias Culturactiva, Empatía Teatro, Marta Alonso Tejada, Paula Quintas Cía., Tarabela Creativa e Nova Galega de Danza, xunto a outras compañías como Píscore, Contraproducións, AsSircópatas, Marcos PTT, Eva Comesaña, ALÓproducións e Torta Torta.

Reflexionando sobre a situación do sector

Xunto coa programación artística e os encontros profesionais, o evento acolleu tamén diferentes espazos de reflexión e intercambio arredor dos retos actuais do sector das artes escénicas. Na mesa Redes en movemento falamos sobre os modelos de exhibición e circulación escénicas, poñendo o foco na creación de redes e na apertura de novas vías para a difusión das artes escénicas. Compartirmos experiencias con Noelia Fernández, xerente da compañía Escena Miriñaque e presidenta de Red de Teatros Alternativos; Diego V. Meizoso, xerente de Escena Galega, e Paula Quintas, presidenta de Red Acieloabierto.

Pola súa parte, na mesa Produción e distribución: obsolescencia programada, analizamos os ritmos actuais do sector escénico, a produción constante, a limitación do seu percorrido e as consecuencias no proceso creativo. Fixémolo con María José Mora, directora de Dansa València; Abigail Ballester, directora exectuvia de FiraTàrrega; Cristina Cazorla, codirectora de Trapezi – Fira del Circ de Catalunya, e Rocío Pindado, distribuidora de Portal 71.

Galicia Escena PRO reafirmou a súa condición de ferramenta estratéxica para o fortalecemento do sector escénico galego, favorecendo a conexión entre compañías, distribuidoras e programadores e contribuíndo á proxección e circulación da creación galega dentro e fóra do territorio.

FaLang translation system by Faboba