
Escena Galega impulsa en 2026 unha programación centrada na promoción, formación e accesibilidade das artes escénicas
En maio arranca o programa 'Unha rede cultural accesible' e celébrase Galicia Escena PRO
En Escena Galega presentamos o calendario de actividades e proxectos para 2026, un programa que inclúe encontros profesionais, accións formativas, iniciativas de accesibilidade cultural, proxectos de promoción escénica e espazos de reflexión sectorial ao longo de todo o ano.
A programación arranca este mes de maio coa organización, en colaboración coa Deputación da Coruña, de Unha rede cultural accesible, un programa de sensibilización, formación e asesoramento en accesibilidade cultural dirixido tanto a persoal técnico municipal como a compañías profesionais. A iniciativa conta con cinco encontros presenciais para persoal dos concellos: o 12 de maio na Casa da Cultura de Neda, o 13 de maio no Centro Sociocultural A Fábrica de Oleiros, o 19 de maio na Casa da Cultura de Vimianzo, o 21 de maio na Casa da Cultura de Outes e o 22 de maio no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, en Ames. Ademais, desenvolveranse dez procesos de asesoramento en accesibilidade para compañías, con datas aínda por concretar e previa inscrición. Nesta noticia contámosche máis.
Galicia Escena PRO 2026
Tamén neste mes de maio celebramos unha nova edición de Galicia Escena PRO, a feira de artes escénicas promovida desde a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia organizada en colaboración con Escena Galega. O evento reunirá do 25 ao 28 de maio en Santiago de Compostela axentes do sector co obxectivo de estimular a contratación dos espectáculos de produción galega e impulsar a súa proxección social dentro e fóra da Comunidade.
Son 13 socias de Escena Galega as que forman parte da programación desta edición. Poderemos ver Coralinda, de Elefante Elegante; Artur Ui, o ovo da serpe, de Talía Teatro; BenQuerer, de Fran Sieira compañía de danza; O libro da selva. O musical, de Ártika Cía.; Oh, mammi blue, de Cinema Sticado; Alén, de Colectivo Glovo; Sen patrón, de Pistacatro; Bio Contrución, de Ibuprofeno Teatro; Voo, de Teatro O Cubo; Miña pequena, de Constance Hurlé; Manual de patronaxe, de Teatro do Noroeste; Mofa&Befa: os dous de sempre, de Producións Teatrais Excéntricas e Xoguetes rotos, de Barrosanta e ButacaZero.
Ademais, haberá dúas sesións de presentación de proxectos en formato pitching, nas que participan, entre outras, as socias Culturactiva, Empatía Teatro, Marta Alonso Tejada, Paula Quintas Cía., Tarabela Creativa e Nova Galega de Danza.
Consulta a programación completa na web.
IV Recoñecementos Escena Galega
Xa no verán celebraremos unha nova edición dos Recoñecementos Escena Galega, unha cita destinada a poñer en valor o traballo e a traxectoria de profesionais e entidades vinculadas ás artes escénicas galegas. O ano pasado fixemos entrega dos galardóns dun xeito máis íntimo e distendido.
Camiño Escena Norte 2026
A actividade continuará no outono coa celebración de Camiño Escena Norte 2026, que se desenvolverá do 18 de setembro ao 29 de novembro. Tres compañías galegas xirarán noutras comunidades e en Galicia acolleremos diversas funcións en diferentes localidades das provincias da Coruña e Lugo, reforzando os vínculos culturais e a circulación de espectáculos entre territorios.
Xa se publicou o Catálogo de Espectáculos Recomendados 2026 con 36 espectáculos elixidos polas comisións profesionais entre as propostas recibidas para xirar no Itinerario Constelacións, en onde poderemos ver finalmente 18 deles. Constitúe, así, un amplo abano amplio e diverso da mellor produción escénica de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e La Rioja. Entre as propostas galegas destacadas, atopamos cinco da man das nosas socias Teatro de ningures, Ártika CIA, Ítaca Teatro, Ibuprofeno Teatro e Teatro O Cubo.
Podes consultar o catálogo na web de Camiño Escena Norte.
Encontros profesionais
Dentro da programación profesional, no outono organizaremos a Xornada Profesional Escena Galega 2026 sobre circuítos e programacións escolares, un espazo de análise e intercambio arredor da exhibición escénica para públicos de centros educativos, así como a Xornada de Promoción Escénica 2026, centrada na difusión, comunicación e impulso do sector.
Paralelamente a toda esta actividade, estamos reformulando o programa de consultoría e acompañamento ACOMPAÑA que, como no 2025, poderá rematar con algunha acción formativa presencial, segundo as demandas e necesidades das asociadas.