A 1ª edición dos Recoñecementos Escena Galega das Artes Escénicas porá en valor o labor de profesionais e entidades á escena galega
Prémiase a trayectoria de Sarabela Teatro, Circonove, Fefa Noia, Gustavo Docampo, Perello e o Certame Manuel María. A cerimonia de entrega de galaradóns será o 25 de abril na Sala Ártika de Vigo
Escena Galega, a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas promove a primeira edición do seu novo galardón, os Recoñecementos Escena Galega das Artes Escénicas. Con esta actividade, a entidade brinda recoñecemento sectorial a profesionais, entidades, instalacións e persoal técnico vencellados ás artes escénicas galegas.
Entre as axentes recoñecidas nesta edición, destaca a distinción como nova socia de Honra da Asociación a Sarabela Teatro ou unha mención especial á Asociación Circonove como iniciativa que impulsou o movemento do circo no País. Gustavo Docampo (ex-técnico de cultura, xubilado, do Concello do Barco de Valdeorras) e Jose Ángel Vieitez Cendón, “Perello” (da empresa técnica Kachet), recibirán igualmente aclamación á súa traxectoria por “Toda unha vida a sachar”. Tamén haberá unha mención especial á “Embaixadora das artes escénicas galegas no exterior”, Fefa Noia, e ao “Espazo onde non che dan as chaves e marchan”, para o Pazo da Cultura de Narón.
A comisión de selección
A comisión-xurado encargada de seleccionar ás galardoadas estivo composta por Santiago Cortegoso (presidente), Patricia de Lorenzo González (vicepresidenta) e Diego Vázquez Meizoso (xerente), en calidade de secretario -con voz pero sen voto-. Tamén se convidou a outras persoas alleas á entidade co obxectivo de asegurar unha maior imparcialidade e diversidade nos criterios. Cecilia Carballido Couceiro (produtora e xestora independente), Borja Fernández Rodríguez (actor e creador escénico) e Miguel López Soto (director da empresa RTA-Recursos Técnicos Artísticos) foron as encargadas de aportar unha visión externa na selección de persoas e iniciativas galardoadas, optando por premiar proxectos e traxectorias atendendo ao equilibrio territorial.
Os recoñecementos
A comisión seleccionou categorías aglutinadoras que recollesen a vontade de Escena Galega de poñer en valor o traballo realizado polas persoas, entidades e axentes premiados. Así, quere destacar o traballo e contribución de:
- Sarabela Teatro como Socia de Honra da Asociación. En recoñecemento á súa contribución á cultura galega durante os seus 42 anos de traxectoria como entidade de produción, exhibición e formación na cidade de Ourense, sendo un exemplo de resistencia de inmenso valor.
- Fefa Noia como Embaixadora das Artes Escénicas Galegas no Exterior. En recoñecemento ao seu traballo dentro do equipo de dirección do Centro Dramático Nacional como ferramenta de difusión das propostas escénicas galegas noutros lugares do Estado, un gran labor no fomento das coproducións de compañías galegas, atención ás creadoras en residencia e a axuda brindada na estrea de textos de autoras de Galicia
- Gustavo do Campo e Jose Angel Vieitez “Perello”, por “Toda unha vida de sachar”. En recoñecemento ao arduo traballo de deseño, xestión e programación de artes escénicas profesionais de Gustavo nunha praza xa emblemática como O Barco de Valdeorras. Tamén o inconmensurable valor de persoal técnico como “Perello” para a posta en escena de propostas teatrais, de danza, maxia e novo circo en Galicia.
- Asociación Circonove como Entidade impulsora do movemento do circo en Galicia. En recoñecemento ao traballo asociativo da xente do circo de Galicia, que lles permitiu voltar ao País tras a súa formación no exterior e artellar esta factoría cultural de Circonove: unha escola, un lugar de ensaio, encontro e adestramento que axuda poñer no lugar que merece ao circo galego, máis rico e diverso de cada volta.
- Pazo da Cultura de Narón como instalacións “Onde non che dan as chaves e marchan”. En recoñecemento á amabilidade e dilixencia do persoal que no Pazo traballa, así como á vontade de manter os equipamentos técnicos actualizados e coidados, facilitando así o traballo das compañías galegas que a esas táboas suben os seus espectáculos.
- Fundación Manuel María polo Certame Manuel María de proxectos teatrais como iniciativa que “quen nos dera que houbese máis”. En recoñecemento á exemplaridade deste certame como ferramenta de difusión teatral, non soamente pola dotación económica á creación que supón, senón tamén pola articulación dunha rede que permite xirar as pezas resultantes por institucións colaboradoras en toda Galicia.
A cerimonia de entrega de galardóns
A entrega de galardóns celebrarase o martes 25 de abril ás 20.30h na Sala Ártika de Vigo, afondando na vontade de Escena Galega de deslocalizar parte da súa actividade da provincia da Coruña. Co acto, quérese crear un ambiente distendido, informal e de celebración, onde dende o humor se cre un espazo onde as entidades recoñecidas poidan gozar da celebración e recoñecemento do seu labor pola escena teatral, de danza e novo circo en Galicia.
Os Recoñecementos Escena Galega ás artes escénicas teñen carácter non competitivo e buscan recoñecer e visibilizar a traxectoria e a contribución de distintas compañías e persoas no ámbito das artes escénicas. Esta iniciativa busca fomentar a unión e colaboración entre as distintas compañías e persoas do sector dende a perspectiva do equilibrio territorial onde se inclúan as catro provincias e propostas tanto do rural como das cidades.
En resumo, os galardóns dos I Recoñecementos Escena Galega das Artes Escénicas son:
—Nova Socia de Honra: Sarabela Teatro
—Recoñecemento á Embaixadora das artes escénicas galegas no exterior: Fefa Noia
—Recoñecemento á traxectoria “Toda unha vida a sachar”: Gustavo Docampo e Jose Ángel Vieitez Cendón, “Perello”
—Recoñecemento como Entidade impulsora do movemento do circo en Galicia: Asociación Circonove
—Recoñecemento ao espazo “Onde non che dan as chaves e marchan”: Pazo da Cultura de Narón
– Recoñecemento a iniciativas que “quen nos dera que houbese máis”: Certame Manuel María de textos teatrais da Fundación Manuel María
Esta actividade de Escena Galega conta coa colaboración da Xunta de Galicia -a través da Axencia Galega das Industrias Culturais- e a Deputación de Pontevedra, así como a complicidade da Sala Ártika de Vigo