Escena Galega e Cafés Candelas únense para a promoción das artes escénicas de Galicia
Ambas entidades asinaron un convenio de colaboración para o patrocinio da actividade da asociación durante o 2023 Escena Galega pasa a ser a primeira organización vencellada ao teatro, a danza, o novo circo e a maxia en Galicia apoiada pola empresa
Escena Galega, a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas, asinou esta mañá o contrato de patrocinio con Cafés Candelas para a promoción das artes escénicas do País na sede da empresa en Lugo. Nun “café colectivo” na sede da marca no Polígono do Ceao asinaron a proposta de colaboración que se desenvolverá ao longo de 2023.
Durante o acto, escenificouse o compromiso de colaboración de Cafés Candelas coa actividade pública de Escena Galega como patrocinadora oficial, seguindo coa liña de traballo da entidade no relativo á cultura. Así, a empresa cafeteira quere servir de plataforma para a difusión tanto dos proxectos da entidade sectorial como da actividade das súas 57 compañías asociadas. Cafés Candelas terá presenza en actividades como o I Recoñecementos Escena Galegas ás artes escénicas, Galicia Escena PRO ou as Xornadas Profesionais de Escena Galega deste ano.
Escena Galega inaugura a aposta da empresa no eido das artes escénicas, sumándose a outras iniciativas culturais coas que Candelas xa colabora, como os Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual, as Feiras do Libro de Galicia da Federación de Librerías de Galicia, Museo online de Cine Autobiográfico (MOCA) ou os festivais internacionais de cinema Curtocircuíto ou FIC Bueu. Así, Escena Galega e Cafés Candelas suman folgos para acadar maior visibilización da enorme diversidade de proxectos escénicos profesionais en Galicia.
No acto de sinatura do convenio, realizado esta mañá nas instalacións de Candelas en Lugo, Enrique Alonso, un dos xerentes da empresa cafeteira destacou que “a colaboración con organizacións culturais como Escena Galega é unha iniciativa de compromiso co noso entorno”.
Escena Galega estivo representada polas 3 compañías con sede en Lugo: Colectivo Glovo, Ítaca Teatro e Teatro Baixo a Area, o persoal da entidade e o seu presidente, Santiago Cortegoso de Ibuprofeno Teatro. Cortegoso quixo loar “o apoio e compromiso dunha empresa galega tan importante como Cafés Candelas á cultura galega en xeral e ás artes escénicas profesionais en particular, por medio do patrocinio á nosa asociación, tan representativa do sector”.