Escena Galega retoma a formación para asociadas cun novo curso de Normativa Legal de Aplicación nas Artes Escénicas
Tras o parón motivado pola situación sanitaria, a Asociación retoma o seu programa formativo cunha sesión intensiva aberta tamén para non-asociadas
Escena Galega retoma a súa oferta formativa cunha sesión intensiva na que se explicarán as normativas legais que son de aplicación no sector das artes escénicas, facendo especial incidencia no convenio colectivo, a contratación e a lexislación específica nos marcos da pandemia da COVID-19.
A xornada, cunha duración de sete horas, terá lugar o vindeiro mércores 27 de outubro de 10h a 19h no Auditorio da Sede de A Fundación en Compostela.
Isabel Vidal será a encargada de impartir o taller. Cunha dilatada carreira no sector das artes escénicas, Isabel é actualmente directora xeral do Grup Focus, presidenta de ADETCA (L'ASSOCIACIÓ D'EMPRESES DE TEATRE DE CATALUNYA), vicepresidenta da federación estatal FAETEDA e portavoz da plataforma transversal ACTÚA CULTURA, que demanda ao goberno catalán a implementación do 2% do seu orzamento total para políticas culturais.
A formación é de balde para socios/as de Escena Galega. No caso de quedar prazas dispoñibles poderán asistir persoas non asociadas, previo pago dunha matrícula de 25 €. Para inscribirse é necesario enviar un correo a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. co título da formación no asunto e os datos da persoa interesada (nome completo/teléfono/correo-e).
A xornada terá lugar atendendo a todos os protocolos e medidas hixiénico-sanitarias vixentes e coa capacidade do espazo reducida a un 50%. Dependendo da evolución da situación sanitaria en Galicia e Cataluña a xornada poderá pasar a celebrarse de maneira online vía Zoom, adaptando os tempos e as pausas a este formato. A Asociación avisará de calquera decisión ao respecto en tempo e forma.