Escena Galega asina, xunto con outras asociacións profesionais, un manifesto conxunto para esixir un trato igualitario, menos restricións nos espazos e protocolos de actuación razoables e precisos

Escena Galega asina, xunto con outras asociacións profesionais, un manifesto conxunto para esixir un trato igualitario, menos restricións nos espazos e protocolos de actuación razoables e precisos

As asociacións profesionais vinculadas ás artes escénicas, os festivais de cinema, a música e a xestión cultural denuncian un trato discriminatorio con respecto a outros sectores produtivos con máis capacidade de presión.

A falta de claridade da normativa sanitaria aplicada, xunto coas restricións debidas a novos gromos en zonas localizadas, dificulta enormemente a celebración de eventos nos espazos, traslada á cidadanía unha mensaxe errónea de que a cultura non é segura.

Tendo en conta a grave situación de parálise que está vivindo o sector cultural, un sector que emprega a 30.000 persoas e achega case o 3% do PIB galego, solicitamos que desde a Xunta de Galicia se adopten as seguintes medidas:

  1. É necesario fixar un único criterio claro e inequívoco de capacidade de espazos que non de lugar a malinterpretacións, por parte das persoas, titulares dos espazos, empresas promotoras, compañías, artistas e nin do público, para que todos os espazos poidan fixar a súa cabida e elaborar plans de continxencia seguindo os mesmos criterios.
  2. Especificar con maior precisión a cabida dos teatros, cines, auditorios, circos de toldo e espazos similares. A cabida debe ser un 50% da capacidade do espazo (unha butaca polo medio en zigzag no caso de butacas fixas) ampliable ata un límite máximo do 75% en caso de asistencia de persoas convivintes, sempre e cando non existan motivos sanitarios que xustifiquen unha capacidade menor.
  3. O criterio para establecer a capacidade nos espazos daqueles concellos ou zonas cunha situación epidemiolóxica máis grave ten que ser necesariamente unha porcentaxe da súa capacidade. Nas zonas con 1 restricións debidas a novos gromos os aforos deben ser proporcionais ao volume do espazo. Queda fora de toda lóxica que espazos con cabida de mil persoas persoas se vexan limitados a sesenta persoas.
  4. Seguindo as recomendacións do Ministerio de Cultura, solicitamos equiparar as Salas de Concertos privadas, ou espazos con licenza similar, permitindo a celebración de concertos e outros eventos escénicos, aos espectáculos en espazos pechados, respectando as medidas que rexen para os teatros, o uso necesario de cadeiras e sempre nun horario que, contando o tempo de desaloxo da sala non supere nunca a unha da madrugada, tal como sucede cos restaurantes e outros establecementos de hostalaría. A retirada de backline, instrumentos, atrezzo e outro equipamento técnico pertencente aos artistas ou ao persoal de producción alleo á sala poderá facerse a continuación do desaloxo do público asistente para garantir o cumplimento das distancias de seguridade estipuladas na normativa actual.
  5. Manter e incrementar a programación cultural no ámbito escolar, insistindo na seguridade nos espazos e a posibilidade de manter neles os grupos de aula distanciados do mesmo xeito que se fai en transporte e comedores escolares.
  6. Solicitamos á Xunta de Galicia a declaración da cultura como ben de primeira necesidade.

MEDIDAS ESIXIDAS ÁS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS:

Tras diversas xuntanzas con múltiples axentes do sector cultural galego detectamos que se están suspendendo espectáculos sen causa xustificada. Isto non so é un erro senón que ten un efecto perverso e multiplicador pois propaga a idea de que a cultura non é segura. Queremos facer un chamamento a todas as Administracións Públicas para que sexan conscientes das gravísimas consecuencias que teñen as cancelacións e aprazamentos nun sector estratéxico como o da Cultura, no que se van incrementando a marchas forzadas os niveis de precariedade nos que vive o sector profesional e dando lugar a danos irreparables para empresas e profesionais que deben asumir as perdas do investimento e a 2 imposibilidade de afrontar o futuro. Os responsables públicos deben dobrar os esforzos xa feitos e garantir a superviviencia de todo o ecosistema cultural, desde artistas, compañías, empresas e profesionais do sector nos seus postos de traballo.

Os poderes públicos deben entender a dimensión desta emerxencia e o seu impacto na sociedade.

  1. Solicitamos a todas as Administracións Públicas que manteñan firme o seu compromiso coa cultura este ano e o vindeiro, coas partidas orzamentarias asignadas e respectando os compromisos adquiridos.
  2. Solicitamos que en todos os contratos de interpretación artística e de espectáculos quede recollida a cláusula de cancelación, de tal maneira que se son suspendidos ou resoltos, no caso de que a pandemia producida pola COVID-19 imposibilite a execución da actividade obxecto deste contrato, as partes buscarán unha alternativa de común acordo. Nos casos nos que sexa imposible a súa realización, e polo tanto se proceda á súa resolución, poderase solicitar o abono dos gastos nos que se tivera incorrido, tales como xestión, distibución, ensaios, produción, publicidade, que poda garantir totalmente os gastos xa executados pola artista ou empresa no momento da devandita suspensión.
  3. No caso da suspensión ou resolución de contratos de servizos de produción e necesidades técnicas asinados con calquera administración pública galega estarase ao disposto no artigo 213 da Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público, pola que se transpoñen ao ordeamento xurídico español as Directivas do Parlamento Europeo e dol Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, de 26 de febreiro de 2014.
  4. Aplicación do III Convenio colectivo autonómico de eventos, servizos e producións culturais de Galicia nos concursos públicos, adxudicacións directas… que dependan das Administracións Públicas.

Lembramos a todas as Administracións Públicas que a Constitución Española no seu artigo 44 establece que os poderes públicos promoverán e tutelarán o acceso á cultura, á que todos temos dereito, e no seu artigo 35 que toda a cidadanía ten o deber de traballar e o dereito ao traballo, algo que na situación actual está sendo vulnerado, pois os promotores privados están practicamente sen actividade e a normativa sanitaria tan confusa dificulta enormemente a promoción privada e pública.

Queremos subliñar que a cultura é segura, que os espazos e os eventos seguen sendo espazos libres de contaxios. Tamén queremos subliñar que somos profesionais, e que por riba de todo co noso traballo garantimos a seguridade e a protección dos traballadores e traballadoras e do público nos nosos eventos, cumprindo os protocolos estritamente.

Para tratar estas medidas, que entendemos que a situación actual require e se adopten con urxencia, solicitamos celebrar unha reunión coas Consellerías de Cultura, Sanidade e a Dirección Xeral de Emerxencias, á maior brevidade.

Entidades Asinantes:

Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena galega)

Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM)

Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC)

Asociación Galega de Salas de Música (Clubtura)

Coordinadora Galega de Festivais de Cinema (Proxecta)

Asociación Sindical de Profesionais Técnicos do Espectáculo (Tesgal)

Músicas ao Vivo (MAV)

Unión de Cooperativas de Galicia (Espazo Coop)

© Escena Galega. Todos os dereitos reservados. Deseño: Diego Seixo.