Escena Galega continúa as súas xornadas de formación cun obradoiro de financiamento de proxectos de artes escénicas o 26 de novembro
Eva Moraga será a encargada de dirixir o taller, que terá lugar de xeito telemático o vindeiro 26 de novembro
Escena Galega continúa co seu paquete de formación anual co obradoiro "Mapa de axudas e vías de financiamento de proxectos de artes escénicas: máis alá do coñecido", que terá lugar o 26 de novembro de 10h a 19h vía zoom.
A encargada de dar a formación será Eva Moraga, avogada, mediadora e directora de Por & Para, especializada no asesoramento de profesionais e organizacións do ámbito da arte e a cultura. Participou como experta na Subcomisión do Estatuto do Artista do Congreso dos Deputados e ademais elaborou outros dous dos informes presentados polas organizacións do sector á devandita subcomisión. Dende o ano 2002 asesora e forma a profesionais e organizacións da arte e a cultura sobre as súas obrigas profesionais, contratos, dereitos de autor, fiscalidade, formulación, presentación e xestión de proxectos e subvencións, márketing, financiamento, etc. e todos aqueles aspectos relacionados coa súa actividade profesional e o desenvolvemento da súa carreira.
No obradoiro ofrecerase unha panorámica das axudas existentes fóra do ámbito autonómico galego, que poden ser de interese para proxectos de artes escénicas dentro do ámbito cultural e máis aló deste, tanto nacionais como internacionais. Así mesmo, explicarase como analizar creativamente tanto os propios proxectos como o marco de axudas e subvencións e as outras fórmulas de financiamento para que se poida conseguir apoio aos proxectos noutros contextos non tan utilizados ata o de agora polas compañías.
No relativo aos contidos, na primeira parte do obradoiro explicaranse ferramentas e estratexias de análise tanto dos seus proxectos como das axudas e fontes de financiamento existentes, de maneira que tanto agora como no futuro e sexan cales sexan as axudas existentes en cada momento, saiban como atopar outras fontes de financiamento que vaian máis aló das coñecidas no sector das artes escénicas en Galicia, ampliando así as oportunidades. A continuación, as persoas participantes analizarán proxectos actuais ou proxectos que queiran poñer en marcha no futuro segundo estas ferramentas e traballarémolos en común para que se poida experimentar como funciona o modelo e integrar ese coñecemento durante o obradoiro. Na segunda parte abordaremos o mapa de axudas e fontes de financiamento ás que se pode dirixir a atención unha vez aberta a mirada a outras posibilidades.
A formación é de balde para socios/as de Escena Galega. No caso de quedar prazas dispoñibles poderán asistir persoas non asociadas, previo pago dunha matrícula de 50 €. Para inscribirse é necesario enviar un correo a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. co título da formación no asunto e os datos da persoa interesada (nome completo/teléfono/correo-e) antes do martes 24 de novembro ás 20h.
Este paquete formación conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).