Asociadas de Escena Galega reparten gran número dos galardóns dos Premios María Casares da Asociación de Actores e Actrices de Galicia 2020
As compañías asociadas a entidade acadan oito dos catorce recoñecementos
Onte tivo lugar a cerimonia de entrega de galardóns dos XXIV Premios de teatro María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e a Fundación AISGE. Este ano, tendo en conta as circunstancias derivadas da crise sanitaria da COVID-19, tivo lugar de xeito "telemático" no Salón-Teatro compostelán e o Pazo da Cultura de Narón, coa retransmisión do acto a través da canle de YouTube do sindicato.
Bernarda, da asociada a Escena Galega Malasombra Producións, foi a proposta máis destacada da noite, cun total catro de premios nas categorías texto orixinal (Jose Prieto), actriz secundaria (Celia González) e dirección (Jose Prieto), este último compartido ex aequo con María Peinado, directora do espectáculo O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia.
Outras catro asociadas acadaron tamén recoñecementos: Idiota, de Redrum Teatro, acadou o premio ao mellor actor protagonista (Machi Salgado); MedidaxMedida, de Producións Teatráis Excéntricas en coprodución co FIOT, conseguiu o premio ao mellor actor secundario (Josito Porto); Despois das ondas, de ButacaZero, conseguiu o María Casares de vestiario (Carlos Pinilla), e Vida de Cans, de Talía Teatro, obtivo o de maquillaxe (Martina Cambeiro).
O Premio de Horna Marisa Soto concedéuselle a Flor Maceiras que, no seu discurso, sinalou que “o teatro é un dereito da cidadanía, non un privilexio da xente que o facemos [...] E para que a xente poida exercer os seus dereitos, ten que ter acceso e ten que haber unha administración pública, local, galega, estatal, que se debe implicar no investimento”, sinalou a galardoada.
Mónica García -vicepresidenta da asociación- no habitual discurso da directiva, afirmou que "houbo un tempo en que a suspensión de bolos non era o normal, senón a excepción [...] Vaia todo por facer da cultura unha actividade segura para o público, pero a seguridade da cultura debe incluír tamén a das súas traballadoras e traballadores”.
Dende Escena Galega queremos parabenizar a todas as asociadas galardoadas, tamén ao resto de propostas e, sobre todo, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) por ter atopado o xeito de sacar adiante esta 24ª edición dos Premios nestes tempos tan convulsos para as escénicas galegas.
Toda a información dispoñible aquí. Longa vida ao teatro galego!