Escena Galega traslada unha batería de medidas ás administracións competentes en cultura para tentar paliar as consecuencias da COVID-19 no sector

Escena Galega traslada unha batería de medidas ás administracións competentes en cultura para tentar paliar as consecuencias da COVID-19 no sector

Un documento coas medidas foi trasladado á Deputación da Coruña e á Xunta de Galicia

Escena Galega (Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas) é o colectivo de referencia para o sector escénico profesional en Galicia, con 41 produtoras de teatro, danza e artes do movemento e novo circo asociadas.

Dende a entidade queremos manifestar a nosa fonda preocupación por como se desenvolverá o ano 2021 a nivel das dinámicas sectoriais, pois atopámonos aínda en plena pandemia, en estado de emerxencia sanitaria e sufrindo os efectos económicos, sociais e profesionais da crise da Covid19.

Neste momento, e ata o 17 de febreiro por un mínimo de 3 semanas, Galicia atópase con todos os espazos e equipamentos culturais pechados, medida que evidentemente imposibilita que os teatros e auditorios poidan programar, ou que se leve a cabo calquera actividade cultural presencial en todo o territorio.

É por todo isto que consideramos urxente a adopción de accións e medidas para paliar os efectos desta paralización da actividade, lembrando que xa nas semanas previas o sector escénico viviu unha situación intensa de suspensións e cancelacións de funcións, o que reforza a nosa teoría de que o presente ano estará atravesado polos efectos da aínda gravísima crise sanitaria, e que son necesarias medidas e accións específicas a curto e medio prazo que aseguren a supervivencia do noso sector: das compañías, dos e das profesionais e dos creadores e creadoras.

MEDIDAS E ACCIÓNS PROPOSTAS DIRIXIDAS Á DEPUTACIÓN PROVINCIAL DA CORUÑA:

Escena Galega solicita á Área de Cultura da Deputación Provincial da Coruña dúas medidas específicas a respecto da programación escénica profesional que os Concellos da provincia promoven ao abeiro da Rede Cultural:

1.- A ampliación do prazo de programación de espectáculos con cargo ao orzamento da Rede Cultural do 2020 durante 1 mes máis, ata o 30/04/2021. Actualmente o prazo está prorrogado ata o 31/03/2021, mais a paralización da actividade durante un mínimo de 3 semanas fará que sexa complicado que todas as funcións se recuperen ata esa data.

2.- A programación propia por parte da Deputación Provincial das funcións profesionais previstas e que non cheguen a programarse, se é o caso. O obxectivo desta proposta é que ningunha función prevista se perda nin se traslade á programación con cargo ao orzamento de 2021, pois isto supón de facto unha perda de contratación. É por isto que propoñemos que, se quedasen funcións previstas sen programar, estas se leven a cabo nunha fórmula de programación propia da institución, co mesmo caché e condicións económicas para as compañías.

MEDIDAS E ACCIÓNS PROPOSTAS DIRIXIDAS Á XUNTA DE GALICIA:

Escena Galega solicita á Xunta de Galicia, nomeadamente por medio da entidade interlocutora principal para o sector escénico profesional -Agadic-, as seguintes accións específicas que aseguren a viabilidade das compañías:

1.- A blindaxe de todas as funcións de artes escénicas programadas dentro dos circuítos promovidos pola Administración Autonómica. Neste período de paralización de polo menos 3 semanas consideramos indispensable que ningunha función dentro da RGTA (Rede Galega de Teatros e Auditorios) sexa cancelada e que os adiamentos que se produzan en ningún caso substitúan programación, o que supón de facto unha perda de contratacións.

2.- A execución dunha liña de axudas que cubra o lucro cesante das compañías profesionais neste momento específico de paralización da actividade, e de maneira xeral, nestes meses de emerxencia sanitaria. As compañías produtoras (Pemes e profesionais autónomas/os) están deixando de percibir unha parte importante dos seus ingresos pero mantendo todos os seus gastos. Estas axudas deben complementar outras ás que xa se poden acoller certas estruturas profesionais como autónomas/os e autómonas/os societarias/os, nomeadamente as de peche obrigatorio/cese de actividade, e por suposto a prolongación dos ERTE ata o 31/05/2021.

Se a Axencia non estivera en disposición de promover este tipo de axudas solicitamos que esta sirva de enlace con outras Consellerías (Emprego e Igualdade // Economía, Empresa e Innovación) para a adopción destas medidas. Esta petición continúa a liña traballada por Escena Galega dende o Estado de Alarma, sobre a necesidade transversal dunha liña de axudas para o sector centrada nos chamados “gastos de estrutura” (nóminas de persoal contratado, alugueiros, renting de vehículos, gastos de asesoría…)

3.- A adaptación ao contexto actual das iniciativas promovidas dentro da programación oficial do Xacobeo 2021-2022, nomeadamente o Fondo de Proxectos que se vehicula dende a SX de Política Lingüística, do que consideramos que debe modificarse e aumentarse a nivel orzamentario para asegurar que o maior número de proxectos posibles sexan promovidos, ao mesmo tempo que o acceso a liquidez para desenvolvelos chegue de maneira máis rápida.

© Escena Galega. Todos os dereitos reservados. Deseño: Diego Seixo.