Escena Galega celebra a segunda edición dos Recoñecementos Escena Galega das Artes Escénicas, un evento non competitivo que pon en valor a contribución de compañías, entidades e outras profesionais á escena galega
A entidade sectorial brinda recoñecemento nesta segunda edición á traxectoria de Títeres Cachirulo, Fátima Rodríguez-Consultoría Promove, Madó Santos, A Casa Vella, Erregueté-Revista Galega de Teatro e a profesional técnica Ana Díaz Calvo
Escena Galega, a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas promove a segunda edición dos Recoñecementos Escena Galega das Artes Escénicas. Con esta actividade, a entidade brinda recoñecemento sectorial a profesionais, entidades, instalacións, publicacións e persoal técnico vencellados ás artes escénicas de Galicia.
Entre as axentes recoñecidas nesta edición, destaca a distinción como nova socia de Honra da Asociación a Títeres Cachirulo ou unha mención especial á revista Erregueté, publicación especializada en escénicas referencial no país, na categoría “Longa travesía no deserto”. Madó Santos (ex-técnica de cultura, xubilada, do Concello de Muros) recibirá igualmente recoñecemento sectorial á súa traxectoria por “Toda unha vida a sachar”. A Casa Vella de Amiadoso érguese nesta edición co recoñecemento de proxecto “Do rural ao universal” polo seu traballo en prol da dinamización das artes escénicas na contorna non urbana. Tamén haberá unha mención especial “ao compromiso feminista entre caixas” para Fátima Rodríguez-Consultora Promove e o recoñecemento “Ás pioneiras da escaleira e do patch”, para Ana Díaz Calvo, profesional técnica de iluminación e de son.
A comisión de selección
A comisión encargada de seleccionar ás persoas e entidades recoñecidas estivo composta por Patricia de Lorenzo González (Chévere Teatro, presidenta de Escena Galega) e Diego Vázquez Meizoso (xerente da asociación), en calidade de secretario -con voz mais sen voto-. Tamén se convidou a outras dúas persoas alleas á entidade co obxectivo de asegurar unha maior imparcialidade e diversidade nos criterios.
Cristina Domínguez Dapena (profesora da ESAD, directora escénica e ex-directora do Centro Dramático Galego) e Antonio Porteiro Domínguez (responsable técnico do Pazo da Cultura de Carballo) foron as encargadas de aportar unha visión externa na selección de persoas e iniciativas candidatas a recoñecemento.
Os recoñecementos
A comisión seleccionou categorías aglutinadoras que recollesen a vontade de Escena Galega de poñer en valor o traballo realizado polas persoas, entidades e axentes recoñecidos. Así, quere destacar o traballo e contribución de:
- Títeres Cachirulo, Socia de Honra da Asociación. En recoñecemento á súa contribución á cultura galega e ao teatro de monicreques durante os case 40 anos de traxectoria como entidade de produción e exhibición, sendo un exemplo na posta en valor da disciplina dentro e fóra das nosas fronteiras
- Fátima Rodríguez-Consultora Promove, “Ao compromiso feminista entre caixas”. En recoñecemento ao seu traballo en prol da igualdade real entre homes e mulleres dentro do ecosistema escénico galego, con accións como o desenvolvemento do Protocolo contra o acoso sexual e por razón de sexo/xénero nas artes escénicas e musicais, texto pioneiro no conxunto do Estado.
- Madó Santos, “Toda unha vida a sachar”. En recoñecemento ao seu arduo traballo de deseño, xestión e programación de artes escénicas profesionais no concello de Muros, posicionando esta praza como municipio galego que máis inviste en cultura por habitante anualmente
- A Casa Vella como proxecto “Do rural ao universal”. En recoñecemento ao traballo feito ao longo dos seus 3 anos de existencia en prol da dinamización e creación das artes escénicas galegas dende a contorna rural, o seu gran traballo na creación de públicos e o seu modelo de busca de financiamento e xestión, posto en valor noutros foros a nivel estatal.
- Erregueté-Revista Galega de Teatro, “Á longa travesía no deserto”. En recoñecemento a súa exemplaridade e esmerado desempeño na difusión das artes escénicas galegas como publicación que conxuga dende os seus inicios información, creación, divulgación e estudo das nosas escénicas. Por atender a todas as disciplinas ao longo dos anos co rigor que merece a súa heteroxeneidade, a pesardes das eivas de financiación e o deficiente apoio público cos que a editorial conta e contou.
- Ana Díaz Calvo, “Ás pioneiras da escaleira e do patch”. En recoñecemento ao seu traballo ao longo dos anos como unha das poucas profesionais técnicas da súa xeración, dende a empresa TEDAGA, recoñecendo por extensión a todas as mulleres técnicas de artes escénicas do país.
A festa de entrega de recoñecementos
A entrega dos recoñecementos celebrarase o martes 7 de maio ás 20.30h no Auditorio Municipal do Milladoiro (Ames). Durante a xornada quérese crear un ambiente distendido, informal e de celebración, onde dende o humor se cre un espazo onde as persoas e entidades postas en valor poidan gozar da celebración e recoñecemento do seu labor pola escena galega profesional.
Os Recoñecementos Escena Galega ás artes escénicas teñen carácter non competitivo e buscan recoñecer e visibilizar a traxectoria e a contribución de distintas compañías, entidades, proxectos e persoas no ámbito das artes escénicas.
A peza dos recoñecementos
Tal e como se estipulou na primeira edición deste evento, Escena Galega encarga cada ano a peza física dos recoñecementos a distintas creadoras e creadores galegos, dándolles total liberdade para que o recoñecemento sexa orixinal e diferente en cada edición. Este ano asume a encarga Esther Quintas, artesá e ceramista viguesa, que deseñará e executará as pezas que serán entregadas en todas as categorías.
Esta actividade de Escena Galega conta coa colaboración da Xunta de Galicia -a través da Axencia Galega das Industrias Culturais- e o Concello de Ames