MATRIOSHKA TEATRO nace a lume lento no ano 2013 da man de 3 actrices, para facer un teatro onde as intérpretes estamos no centro da creación. Apostamos por camiños intermedios, por linguaxes mesturadas que transitan neses lugares de intersección, de recollida e cruzamento entre o teatro máis clásico e o contemporáneo.
Creamos dramaturxias a pé de escena, sen deixar de lado unha estética coidada, o sentido do humor, e a frescura e a naturalidade dun diálogo aberto co público por momentos.
Buscamos facer un teatro que amose de onde vimos e nos oriente cara onde vamos. Alimentámonos do legado das xeracións que foron antes ca nós, repousamos o vivido, e tratamos de compartilo coas persoas que están, pensando nas que virán. Somos teatro de partillar e coidar. Mulleres que abrazan, mulleres que acubillan coma nós fomos acubilladas por outras.