Escena Galega coorganiza xunto á Agadic a 8ª edición de Galicia Escena PRO

Escena Galega coorganiza xunto á Agadic a 8ª edición de Galicia Escena PRO

O Mercado Galego das Artes Escénicas terá lugar do 7 ao 10 de xuño en Santiago de Compostela cunha programación exclusiva para profesionais

Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas, celebrará a súa oitava edición do 7 ao 10 de xuño, retomando así o seu papel como punto de encontro do sector despois de que a pandemia motivara a súa suspensión en 2020. Repítese este ano a experiencia da organización compartida entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Escena Galega, co obxectivo de ofrecerlles ás compañías un escaparate para a difusión dos seus traballos entre os axentes culturais responsables de espazos, festivais e encontros escénicos de dentro e fóra de Galicia.

Desta volta, a programación non estará aberta ao público xeral, senón que se dirixirá exclusivamente aos profesionais inscritos para garantir o cumprimento das medidas anticovid. Ao tempo, teranse en conta para o seu deseño os espectáculos producidos nas dúas últimas temporadas, para dar así cabida a aqueles títulos que viron dificultada a súa chegada ao público por mor da situación sanitaria.


O mercado acaba de abrir ata o 20 de abril (ás 15,00h) o prazo de presentación de propostas cara á configuración do seu programa de exhibición que, como en edicións anteriores, incluirá tanto espectáculos en formato completo como os proxectos que as compañías avanzarán nas sesións de pitching. O rexistro debe realizarse a través dos formularios en liña da web www.galiciaescenapro.gal.
 
Tras a finalización do prazo, unha comisión artística nomeada por Escena Galega e integrada por profesionais do sector será a encargada de seleccionar as producións e proxectos que lle darán forma á carteleira deste ano. O seu obxectivo será ofrecer unha programación variada, na que se primará tanto a calidade como o equilibrio entre as diferentes disciplinas artísticas: teatro, danza, maxia e novo circo.
 
Esta edición conxugará a faceta  presencial cunha virtual a través do desenvolvemento en liña das súas habituais sesións formativas e encontros profesionais.

© Escena Galega. Todos os dereitos reservados. Deseño: Diego Seixo.