Entrega do Premio de Honra na MiT de Ribadavia
Discurso da Presidenta de Escena Galega Belén Pichel
Cando se lle entrega un premio a un colectivo, a expresión de agradecemento ten de ser colectiva. E máis aínda se, como neste caso, estamos ante un colectivo de colectivos. Porque iso é o que é Escena Galega: unha asociación de colectivos profesionais dedicados á creación escénica. Colectivos profesionais que, á súa vez, atinxen a indivíduos dedicados profesionalmente á produción e á distribución, á interpretación, á escritura e dirección escénica, á creación plástica e musical ao servizo da escenografía e os espazos sonoros, á iluminación, á asistencia técnica, etc. En nome de todos eles, dos colectivos que integran Escena Galega e dos profesionais que, nun momento ou outro, dan vida a estes colectivos, dou as grazas á Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia por este premio. Quixera que a miña voz agradecida soase como se de mil voces se tratase porque considero que premiando a Escena Galega, con maiúsculas, estades premiando a escena galega con minúsculas. E aquí as minúsculas teñen máis importancia que as maiúsculas porque me refiro, evidentemente, a toda a escena galega.
Que a miña voz sexa colectiva tamén me permite ir para alén da miña propia experiencia persoal, loxicamente limitada no tempo, para así, servíndome da memoria de tantos e tantas profesionais que foron tecendo a historia da escena neste país, poder lembrar que foi precisamente aquí, en Ribadavia, onde as xentes do teatro comezaron a se reunir para falaren de profesionalidade, cando esta aínda non existía; de circuitos, cando estes eran só un soño; de cachés, cando a propia palabra nin sequera era maioritariamente coñecida; de creación e xestión de públicos, cando o público era só unha masa indefinida de asistentes, entusiastas pero ocasionais, a un espectáculo; de infraestruturas culturais cando estas estaban absolutamente por facer; da responsabilidade das administracións no fomento da actividade escénica ao servizo da cidadanía, cando aínda estaban por chegar as administracións democráticas e o goberno galego era só unha arela de futuro. Entre esas xentes estaba, e con voz firme e sonora, quen dá sobranceiro nome a este premio que hoxe a M.I.T. de Ribadavia ten a ben outorgar á nosa Asociación, Roberto Vidal Bolaño. Un home que, se ben declaraba ser máis ben reacio a militar no asociacionismo, admitía categoricamente a súa necesidade, botando man do seu humor ácido e brillante para converter en “bolañesco” aquel paradoxo “marxiano”, de Groucho Max, cando este dicía que nunca faría parte dun clube onde admitisen como membro a persoas coma el.
Podemos dicir polo tanto que unha das raíces remotas da nosa asociación, así como da nosa asociación irmá, a de Actores e Actrices de Galicia, partiu en boa medida de aquí, da terra fértil e ventureira de Ribadavia. Porque de profesionalidade, de circuítos, de cachés, de creación e xestión de públicos, de infraestruturas, de fomento da actividade escénica ao servizo da cidadanía por parte das administracións públicas, e doutras cousas polo estilo, é do que tratamos en Escena Galega. Porque son tarefas que, ao cabo de tanto tempo, seguen aí. Tarefas nas que, se ben nunca se chegou a avanzar todo o que quixeramos (nin moitísimo menos), nos últimos tempos, e por mor da crise, a real e a que serviu de pretexto, aínda retrocedemos, e nalgunhas de forma moi alarmante. Tarefas para as que reclamamos, con diálogo pero con firmeza, a acción decidida e articulada das administracións. E non porque nos teñan que atender a nós, mais porque teñen de atender, xa que esa é a súa obriga e a súa razón de ser, a aqueles e aquelas a quen nós tamén temos de atender, aos cidadáns e cidadás e ao seu dereito ao desfrute igualitario da cultura, no noso caso representada na actividade escénica. Un dereito básico porque é o alimento imprescindible, perentorio, da nosa identidade como pobo.
Despois do dito haberá quen sosteña que, ao cabo de tanto tempo, seguimos máis ou menos no mesmo lugar. En Escena Galega non queremos nin podemos ser tan pesimistas. Non seguimos no mesmo lugar, evidentemente, pero, iso si, seguimos no mesmo camiño. Un camiño que xa vén de lonxe e que aínda vai para lonxe. Un camiño no que nos negamos a quedar atrancados, perdidos, tirados nas gavias. Un camiño no que non queremos seguir a esta marcha de agora, ás veces desesperantemente lenta e tortuosa, no que queremos avanzar con paso fluído e decidido.
“Con pan e viño ándase o camiño” di a sabedoría popular. O pan da nosa Asociación ten de ser a forza, a intelixencia, o traballo, a unión e a vontade integradora. E o viño veñen a ser cousas coma esta: o ánimo, o apoio, o recoñecemento que para nós supón un premio destes. Con este viño queremos brindar: pola memoria viva de toda aquela xente que iniciou este camiño, polas compañías que no seu momento decidiron unirse para formar a asociación Escena Galega, polas persoas que, en momentos moi duros, entregaron todo o seu esforzo e o seu ánimo para que a Asociación puidese chegar até hoxe, por
todas as compañías que, recentemente, viñeron a darlle unha nova, valiosísima e revitalizadora seiva. Pola Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia que tanto nos honra con este premio, e aínda que así non fose, porque o merece.
E, evidentemente, pola escena galega, con inmensas e brillantes minúsculas.
Saúde e teatro, saúde e danza, saúde e circo, saúde e títeres. Saúde e cultura.
- Created on .
- Hits: 915