INTENSA TEMPADA DE ESTREAS PARA AS COMPAÑÍAS ASOCIADAS A ESCENA GALEGA.
Nos vindeiros días 4 compañías abrirán o pano das súa novas producións.
En apenas unha semana abrirán o pano 4 novas producións das nosas compañías asociadas, que veñen sumarse ás estreas no pasado mes de xaneiro de VOADORA con "Hemos venido a darlo todo" e Malasombra Producións e a súa "Bernarda".
Este venres 22 e sábado 23 de febreiro no Pazo da Cultura de Narón Talía Teatro estrea o espectáculo "Vida de cans", con texto e dirección de Cándido Pazó e cos actores Toño Casais, Dani Trillo e Artur Trillo no reparto.
Producións Teatrais Excéntricas estará o vindeiro mércores 27 con "Carpe Diem" no Teatro Principal de Santiago. Sobre un texto do brasileiro Rubem Fonseca, a peza parte dunha anécdota moi cinematográfica: "unha muller e un home coñécense nunha previsible festa de fin de ano e comezan unha relación ilícita: os dous son casados con outras persoas. Un caso de adulterio entre persoas da clase alta."
O xoves 28 será a quenda de Contraproducións con "A compañeira de piso", de Jen Silverman, unha coprodución co Centro Dramático Galego con Belén Pichel e Cándido Pazó na dirección e as actrices Rebeca Montero e Patricia Vázquez no reparto.
E para rematar a semana PistaCatro e o Colectivo Verticalia levarán ás táboas do Teatro Rosalía de Castro de A Coruña o venres 1 de marzo a peza "Alma (non é hippie)", coas creadoras Paula Quintas, Marta Alonso, Raquel Oitavén e Mercè Solé.