
Escena Galega abre a inscrición de espectáculos para a Fase 0 - Proba Piloto de Palcoescola, o Circuíto Galego de Artes Escénicas no Ámbito Escolar
As compañías poderán presentar as súas propostas entre o 16 e o 22 de novembro para formar parte dun proxecto que levará as artes escénicas ao público escolar de Galicia en marzo e abril de 2027
Escena Galega abre o prazo de inscrición de espectáculos para a fase piloto de PALCOESCOLA, Circuíto Galego de Artes Escénicas no ámbito escolar, unha iniciativa que busca achegar as artes escénicas á comunidade educativa e favorecer o acceso do alumnado a propostas profesionais de teatro, danza, circo e outras disciplinas.
As compañías interesadas poderán presentar os seus espectáculos desde o luns 16 ata o domingo 22 de novembro, ás 23.59 h, exclusivamente a través do formulario de inscrición dispoñible en www.escenagalega.gal. Non se admitirán propostas fóra deste prazo nin por outras vías.
O proxecto de Escena Galega está concibido para conectar as artes escénicas co público escolar, non só a través da programación de espectáculos, senón tamén mediante recursos e accións que favorezan a relación entre as creacións artísticas e o alumnado. Esta primeira fase piloto desenvolverase durante os meses de marzo e abril de 2027 e ten previsto chegar a 8 localidades das catro provincias galegas. Neste momento, conta xa co apoio de cinco concellos: Vimianzo e Outes, na Coruña; Vilalba e Viveiro, en Lugo; e O Barco de Valdeorras, en Ourense. A experiencia servirá de paso previo á posta en marcha dunha primeira edición do circuíto no curso escolar 2027-2028.
Requisitos dos espectáculos e fase de selección
A convocatoria está aberta a propostas para espazo escénico —non se admitirán espectáculos de rúa— de todas as disciplinas, formatos e estéticas, dirixidas a calquera dos ciclos educativos, desde Infantil ata Bacharelato.
Poderán presentarse tamén montaxes aínda non estreadas, sempre que se achegue un vídeo completo da proposta. Ademais, será obrigatorio presentar unha unidade didáctica vinculada ao espectáculo.
A selección correrá a cargo dunha comisión independente e externa a Escena Galega, integrada por profesionais da docencia, representantes de ANPAS e persoas vinculadas á programación especializada en artes escénicas para público escolar, tanto de Galicia como do ámbito estatal. A comisión desenvolverá o seu traballo entre o 25 de novembro e o 17 de decembro, e a resolución das propostas seleccionadas darase a coñecer o venres 18 de decembro.
Durante o período de inscrición, as compañías poderán resolver dúbidas a través do correo electrónico
Con esta iniciativa, Escena Galega dá un novo paso para reforzar a presenza das artes escénicas no eido escolar e avanzar cara a un maior acceso da infancia e da mocidade á cultura, con independencia do lugar no que vivan.