Así foi o acto de recoñecemento de socias de honra 2022: Ancora Producións, Lagarta, lagarta e Tanxarina
Así foi o acto de recoñecemento de socias de honra 2022, que retomamos tras o parón da pandemia
O pasado luns 28 de marzo reunimos na Cafetería Lasso do Auditorio de Galicia en Compostela a boa parte da asociación para o acto de recoñecemento de novas socias de honra de Escena Galega. Tras o parón provocado pola pandemia, retomamos esta actividade que xa puxera en valor a traxectoria de Teatro do Atlántico, Teatro do Noroeste e Teatro do Morcego no marzo da pre-COVID.
Con esta primeira actividade da grella das do noso XX aniversario, celebramos a carreira e o traballo en prol da defensa do noso sector de Ancora Producións, Lagarta, lagarta e Tanxarina -esta última aínda socia da nosa entidade e en activo-. Xuntámonos máis de medio de cento de persoas para render homenaxe ás 3 produtoras como compañías impulsoras da nosa asociación e empresas de referencia na profesionalización do sector escénico do País.
Santiago Cortegoso -o noso presidente- foi o encargado de conducir a gala, que agasallou ás presentes con momentos emotivos, reivindicativos e nostálxicos da carreira das tres compañías galardoadas.
Ancora Producións
A compañía nace en 1989 a partir dunha coincidencia de criterios artísticos e de investigación de Anxela G. Abalo e Gustavo Pernas Cora. Adicábanse á investigación do espazo do teatro naquela "sociedade do espectáculo", telecomunicada e hiperinformada pero sen lugar para intervalos onde aflorase o coñecemento e a diferenza, onde o corpo comunicase a escala humana, a medida da voz e o xesto. Ancora Producións, ancorada en Galicia, estaba mergullada nunha néboa que procuraba a indeterminación e a ambigüidade do que se vía e nomeábase, levaba o teatro desde a palabra á súa tradución escénica, ás repeticións recorrentes, ás frases inconclusas, aos puntos suspensivos, aos monólogos e soliloquios, á ironía e fantasía que nacían nesta paisaxe concreta que lles daba identidade e identificábaos como fillos de Samuel Beckett. Crían que en Galicia, como en Irlanda, o verdadeiramente moderno ancorábase no tradicional, máis aló dos costumes, no clima e na terra mesma. De entre as súas pezas destacan Snakizados: comedia da fin do mundo; Pisados, Botamán de Melide o home que falaba cos zapatos ou Colgados.
Anxela G. Abalo recolleu o premio á traxectoria da compañía que compartía con Gustavo Pernas Cora -finado na Coruña a finais do 2018- na compaña de Muriel Pernas, tamén actor e fillo que comparte co dramaturgo. María Barcala (da socia Teatro do Atlántico, tamén entidade de honra da asociación) foi a encargada de entregar o premio.
Na súa intervención, Anxela agradeceu o recoñecemento a Escena Galega e a profesión. Puxo en valor o traballo do teatro galego nos últimos anos: "cando nós empezamos a facer teatro non tiñamos referentes aquí [...] Hoxe en día, mal que ben, a xente pode gozar, pode criticar, pode denostar ou amar profundamente os traballos que fai xente como as compañeiras que aquí estades. Grazas".
lagarta, lagarta
Lagarta lagarta foi unha empresa de produción teatral nacida en 2001 da iniciativa de Ernesto Chao e Rosa Álvarez, dous actores de longa traxectoria en Galicia, comunidade na que lagarta lagarta tiña a súa sede e realizaba principalmente a distribución dos seus espectáculos. De ter que definir a lagarta lagarta en poucas palabras diríase que foi unha compañía de actores, nacida co espírito de facer espectáculos que moitos actores agardan e ós que desexan enfrontarse, pero que por diversas circunstancias non se puideron levar a escena no seu día. Foi, polo tanto, unha compañía que pretendía estar aberta a todas aquelas propostas interesantes que poidan xurdir, e non necesariamente no seu propio seo. Este foi un dos motivos polos que lagarta lagarta non contou nunca cun plantel fixo de profesionais (dirección, intérpretes, deseños, etc.) polo que en cada caso, en cada produción, se buscaban os máis idóneos ou axeitados. De entre as súas pezas destacaron títulos como As últimas lúas, Aeroplanos, Fobias ou Unha hora na vida de Stefan Zweig.
Rosa Álvarez recolleu o galardón cun caloroso aplauso das presentes das mans de Eduardo Alonso -da tamén socia de honra Teatro do Noroeste-. Lembrou o proxecto que compartiu Ernesto Chao -finado en Compostela o pasado 2018- con agarimo e múltiples anécdotas de toda a súa traxectoria. “Ao recoller este premio lembro, non pode ser doutro modo, o final da nosa peza Aeroplanos, con Ernesto -Chao- e Pico -referíndose ao tamén falecido Xosé Manuel Olveira- ao final da obra bailando cara as estrelas, que é onde están”. Tivo palabras de agradecemento para moitas das presentes e para os seus amigos, coñecidos e familiares. Anunciou ademais a súa despedida das táboas agradecendo a Teatro do Noroeste e a Xabier Villaverde a oportunidade de despedirse da profesión.
Tanxarina
Fundada no ano 1.983 por varios ex-alumnos de Harry Tozer -profesor de construción e manipulación de marionetas de fíos do Institut del Teatre de Barcelona- e tamén outros profesionais galegos do teatro infantil e xuvenil . Dende entón converteuse nunha das formacións mais recoñecidas e prestixiosas do teatro de títeres galego tanto dentro como fora de Galicia. Adícase prioritariamente á produción e distribución de espectáculos dirixidos a todo tipo de públicos: infantil, xuvenil e familiar; onde se combinan diversas técnicas de animación de monecos có traballo actoral dos propios manipuladores -marioneta de fíos, títeles de luva, de variñas, sombras chinas, bunrakus...-. Esa relación escénica entre títeres e actores vén sendo unha das señas de identidade da compañía dende os seus primeiros espectáculos. De entre as súas pezas máis afamadas atopamos Migallas e cirigaitas, Tutti Fruti, Trogloditas, As bombas e o xeneral ou a multipremiada A Galiña azul, aínda en distribución.
Conformada por Miguel Borines, Eduardo Alberto Rodríguez Cunha “Tatán” e Andrés Giraldez, pausaron os ensaios da súa próxima peza para acudir a Compostela a recibir das mans de Ártika Cía -a última asociada a Escena Galega- o premio á súa traxectoria. Comezou Tatán agradecendo o recoñecemento á asociación e bromeou “últimamente dinme conta de que Escena Galega funciona [risas]. Na nosa última xira, Diego Meizoso - o noso xerente- chamounos para preguntarnos que tal ía todo. Dinme conta nese momento da importancia que ten para nós estar en Escena Galega e que esta entidade sexa un referente da dignidade do teatro galego e as súas compañías. Foi unha chamada de atención sobre o traballo que temos desenvolto nos últimos anos e a importancia de estar asociados. Estamos hoxe fachendosos de compartir con todas vós este momento tan delicioso”. Deulle paso a Andrés que agradeceu igualmente e incidiu na importancia de unir forzas. Pechou Miguel cun sonoro “moitas grazas compañeiras e compañeiros, por outros vinte anos máis”.
Concluiu o acto Santiago Cortegoso e tivemos un espazo para voltar compartir un anaco de tempo co resto de compañeiras do sector.
Convidados da gala
Acudiron tamén representantes de outras entidades como Jacobo Sutil e María Paredes -Agadic-, Fran Núñez -Centro Dramático Galego-, Carlos Lorenzo -Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural-, Inma Antonio -Academia Galega do Teatro-, Patricia Blanco -Fundación SGAE- ou Xosé Barato e Arantza Villar -Asociación de Actores e Actrices de Galicia-, que puideron gozar cos representantes de socias de Escena Galega dun espazo distendido. Así foi a primeira das actividades da grella de celebración do 20º aniversario de Escena Galega, grazas a todas e todos por acompañarnos. Vivan as escénicas galegas!
Pódese escoitar aquí a reportaxe que fixo o Diario Cultural da Radio Galega con motivo desta gala e revisionar os momentos máis destacados da cerimonia no perfil de Instagram da asociación.
Aquí podes ver tamén o vídeo-resumo do acto (©Miguel Lamas, Aigi Boga)