A Asociación de actrices e actores, Escena Galega, a Academia Galega do Audiovisual e a Mostra de Teatro de Cangas impulsan un estudo sobre a brecha laboral entre homes e mulleres no sector audiovisual e das artes escénicas.

A Asociación de actrices e actores de Galicia, Escena Galega, a Academia Galega do Audiovisual e a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas reuníronse coa responsable da Secretaría Xeral da Igualdade, Susana López Abella, para propoñerlle a elaboración dun estudo sociolóxico e con perspectiva de xénero sobre a brecha laboral que sofren as mulleres no sector das artes escénicas e do audiovisual.

Os datos son poucos pero alarmantes: Só o 7 por cento de mulleres son directoras, o 15 por cento produtoras e o 10 por cento guionistas. En canto ás actrices, o 20 por cento de personaxes femininos fronte a un 80 por cento masculinos. As cifras non melloran nas artes escénicas, 25 por cento de personaxes femininos fronte ao 75 masculinos. E se contabilizamos a escasa existencia de protagonistas femininas, atopámonos con que a vida laboral redúcese en función do sexo. Datos recollidos a nivel europeo concordan en que a duración da vida profesional das mulleres da cultura está entre 7 e 10 anos e reciben as ofertas de traballo entre os 20 e 35 anos, mentres que a vida laboral masculina ten unha duración media de 30 anos concentrándose as ofertas entre os 40 e os 60 anos.

 

 

  • Created on .
  • Hits: 731
© Escena Galega. Todos os dereitos reservados. Deseño: Diego Seixo.