• Inicio
  • Actualidade
  • Novas
  • Teatro do Atlántico celebra o seu 35º aniversario enriba das táboas do Salón Teatro compostelán con catro das súas últimas propostas

Teatro do Atlántico celebra o seu 35º aniversario enriba das táboas do Salón Teatro compostelán con catro das súas últimas propostas

A compañía, en activo dende 1985, levará esta semana á sede do Centro Dramático Galego catro dos seus títulos máis recentes

Teatro do Atlántico celebra o seu 35º aniversario enriba das táboas do Salón Teatro compostelán con catro das súas últimas propostas

A nosa asociada Teatro do Atlántico celebra esta semana en Compostela os seus 35 anos de traxectoria dentro do sector escénico galego. Como parte desta celebración, levará ao escenario do Salón Teatro compostelán catro das súas pezas, en catro pases que terán lugar do 1 ao 4 de outubro.

Teatro do Atlántico

A compañía arrancou a súa traxectoria en 1985 cunha proposta promovida por María Barcala e Xulio Lago que continúa a día de hoxe. Ao longos destes 35 anos levaron aos escenarios máis de 30 producións que teñen xirado principalmente ao longo do noso territorio, mais tamén en moitos teatros do estado e en numerosas cidades de Portugal, Arxentina, Uruguai ou Venezuela.

O seu primeiro espectáculo Xoana abriu paso a moitos outros: Casa de bonecas, de Ibsen; A noite das tríbades de Per Olov Enquist; Amor de don Perlimplín con Belisa no xardín, de García Lorca; O cerco de Leningrado, de Sanchís Sinisterra, O encoro, de Conor McPherson; A raíña da beleza de Leenane, de Martin McDonagh; Unha primavera para Aldara, de Teresa Moure ou Memoria de Helena e María, de Roberto Salgueiro. 

Ate o de agora, Teatro do Atlántico acadou 69 nominación a 30 premios de Interpretación, Dirección, Escenografía, Iluminación, Tradución ou Mellor Espectáculo e teñen sido parte da programación de festivais nacionais e internacionais como a FIT de Cádiz, FITEI de Porto, FIOT de Carballo, MITEU de Ourense, Latinoamericano de Córdoba (Arxentina), Internacional de Caracas, MIT de Ribadavia, FESTEIXO de Viana do Castelo, Mostra de Cangas, Mostra de Cee ou Muestra "Villa de Madrid", representando sempre en lingua galega. 

A comezos de 2020 quíxose recoñecer tamén dende Escena Galega o labor e traxectoria profesional e artística da compañía, así como o seu traballo pola dignificación do sector escénico profesional galego, co seu recoñecemento como socia de horna.

35º aniversario de Teatro do Atlántico

Para festexar a traxectoria da nosa socia de honra repoñense esta semana no Salón Teatro Helena, xuízo a unha lurpia de Miguel Arco, A conquista da escola de Madhubai, de Hèléne Cixous, Dúas donas que bailan, de Josep María Benet i Jornet e De abrentes e ocasos, recital poético-musical de varios autores. 

As representación terán lugar do 1 ao 4 de outubro no Salón Teatro de Compostela: as primeiras funcións desenvolveranse a partir das 20,30 h., mentres que o recital poético-musical do domingo será ás 18,00 h. A venda anticipada realízase a través de Abanca ou no despacho de billetes do Salón Teatro dúas horas antes do comezo de cada función e ata completar a capacidade marcada en cada momento polas autoridades sanitarias (nestes momentos, 60 persoas para os recintos escénicos pechados de Santiago de Compostela). No caso do recital do domingo, a entrada será unicamente con convite.

 

 

Queres formar parte de Escena Galega?

Únete a Escena Galega e goza de todos os beneficios dos nosos asociados.

Ver condicións

Liñas de contacto de Escena Galega

Enderezo

Rúa Castiñeiro, 10 local 9
15894, Os Tilos-Teo
A Coruña

Contacto

+34 647 478 236
info@escenagalega.gal

Síguenos