CURSO DE DISTRIBUCIÓN IMPARTIDO POR NINES CARRASCAL.

Escena Galega organizou esta xornada formativa para as súas compañías asociadas.

CURSO DE DISTRIBUCIÓN IMPARTIDO POR NINES CARRASCAL.

Nines Carrascal é unha das produtoras e distribuidoras de artes escénicas máis recoñecidas do Estado. Licenciada en Historia Contemporánea e Máster en Xestión Cultural, Música, Teatro e  Danza (ICCMU), a súa traxectoria profesional comeza no ano 1995 no ámbito da produción e distribución de artes escénicas coa compañía Histrión Teatro, coa que leva producidos máis de 20 espectáculos.

 

Anos despois crea Escena Granada Distribución e traballa con compañías como a Companhia do Chapitô, Teatro del Velador, Producciones Imperdibles, Johan Lorbeer ou El Gran Dimitri. Como docente imparte numerosos talleres de distribución e participa como ponente en foros e encontros do sector. Dirixiu diversos estudos de investigación e actualmente é a comisaria de  MERCARTES 2018.

 

Escena Galega organizou a primeira xornada formativa do ano para as súas compañías asociadas o pasado venres 15 de xuño, na biblioteca do Consello da Cultura Galega. O curso tiña como obxectivos principais aprender a definir e estruturar un plan de distribución e entrenar técnicas e estratexias encamiñadas á venda.

 

O programa contou cos seguintes puntos:

 

1.- Planificación estratéxica da distribución. Cando comezamos a vender?

2.- Que vendemos? Como o vendemos? Aprender a construír un relato. 

3.- O prezo final e o prezo de custe.

4.- Estruturación do mercado: circuítos/redes, feiras, festivais...

5.- O cliente: quen é quen.

 

6.- Materiais de distribución.

 

A formación, baseada nunha mistura de teoría e supostos prácticos, incidiu nas estratexias de venda e distribución máis acaídas á realidade dun sector como o galego, traballouse cun modelo de elaboración dun caché con gastos fixos e variables e na presentación breve e concisa, en formato elevator pitch, dalgúns dos proxectos das compañías inscritas.

13 COMPAÑÍAS DE ESCENA GALEGA PRESENTES EN GALICIA ESCENA PRO.

Serán nove espectáculos e 4 novos proxectos presentados en formato pitching.

13 COMPAÑÍAS DE ESCENA GALEGA PRESENTES EN GALICIA ESCENA PRO.

Galicia Escena PRO, a feira galega das artes escénicas, celébrase entre o luns 11 e o xoves 14 de xuño, en 4 escenarios de Santiago de Compostela: o Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio ABANCA do Preguntoiro e Arteria Noroeste.

Nesta edición de 2018 son 150 os profesionais acreditados/as entre profesionais da programación escénica, compañías, feiras e festivais.

Escena Galega estará presente a través do traballo de 13 das súas compañías. Presentarán espectáculo Contraproducións con "Fillos do sol", Talía Teatro con "O servidor de dous amos", Tanxarina con "A galiña azul", Producións Teatrais Excéntricas con "Cranios privilexiados... ou crítica da razón perralleira", Sarabela Teatro con "O rei morre", Elefante Elegante con "Patapúm!", A Panadaría con "Elisa e Marcela", Eme2 Producións con "A leituga" e Ibuprofeno Teatro con "Casa O' Rei".

Alén disto, as presentacións de proxectos en formato pitching acollerán tamén a 4 das nosas compañías: Teatro del Andamio presentará o espectáculo "Insubmisión", Chévere o proxecto "Anatomía dunha serea", Inversa Teatro "Sofía e as postsocráticas" e a compañía PistaCatro "Arnoia Arnoia: o circo da casa pequena".

Este ano Galicia Escena PRO programa ademais, en colaboración con MADFeria, dúas producións madrileñas: "Soñando a Pinocho" da compañía La Tartana e "Lo nunca visto" de La Estampida.

Toda a información sobre os espectáculos, datas e horarios en www.galiciaescenapro.gal 

 

PRIMEIRA ASEMBLEA XERAL DO ANO EN LUGO

PRIMEIRA ASEMBLEA XERAL DO ANO EN LUGO

 PRIMEIRA ASEMBLEA XERAL DO ANO EN LUGO

ESCENA GALEGA CELEBROU A PRIMEIRA ASEMBLEA XERAL DO ANO EN LUGO.

  O pasado martes 20 de febreiro Escena Galega celebrou a 1ª Asemblea Xeral do ano 2018 na Casa do Saber de Lugo, convidados pola USC / Campus Terra e tendo como anfitrionas ás dúas compañías asociadas con sede na cidade: Lucecús Teatro e Palimoco Teatro.

  Á asemblea, celebrada en horario de mañá, asistiu unha boa representación das compañías asociadas, que posteriormente se atoparon nun xantar compartido.

  A xornada contou tamén cun xantar compartido entre as compañías e pola mañá mantivemos un breve encontro co Vicerreitor de Coordinación da USC no Campus de Lugo, D. Javier Bueno, e con Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María, que presentou ás compañías un proxecto relacionado coa posta en escena de pezas da obra dramática do autor de Outeiro de Rei.
 
A actividade ía pecharse cun encontro profesional con representantes do Concello e Deputación Provincial ás 16.00 h que finalmente, pola non asistencia destas, non puido celebrarse, polo que dende Escena Galega quixemos facer público este comunicado manifestando a nosa preocupación pola situación das artes escénicas profesionais galegas na provincia de Lugo:


ESCENA GALEGA CELEBROU OS SEUS ENCONTROS PROFESIONAIS EN LUGO E MOSTRA A  SÚA FONDA PREOCUPACIÓN POLA POUCA PRESENZA DAS ARTES ESCÉNICAS PROFESIONAIS GALEGAS NESTA PROVINCIA.


Lugo, a venres 23 de febreiro de 2018.

A Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega) celebrou na cidade de Lugo o primeiro dos Encontros Profesionais do ano 2018, que organiza periodicamente no marco das súas Asembleas Xerais, entendendo como fundamental a interlocución e debate entre as súas compañías e os distintos axentes implicados no sector das artes escénicas: programadores/as, institucións, festivais, etc. A Universidade de Santiago / Campus Terra acolleu, en horario de mañá, a Asemblea Xeral da asociación, podendo ter ademais as compañías un pequeno encontro co Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo D. Javier Bueno. A maiores, convidamos ao secretario da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, a expoñer e compartir cos nosos asociados/as un proxecto no que dende a Casa-Museo están traballando sobre a obra dramática do autor, e que pode ser de especial interese para Escena Galega.

A asociación considera perentorio, ademais, establecer un diálogo e debate construtivo e propositivo sobre a situación das artes escénicas galegas na provincia de Lugo a nivel de promoción e programación por parte das institucións, que dende Escena Galega consideramos absolutamente insuficientes, sen continuidade nin visión estratéxica a medio-longo prazo, máis se comparamos esta situación coa actividade en prol do traballo das compañías galegas englobadas na nosa asociación levado a cabo por outras deputacións provinciais, cidades e vilas galegas en forma de circuítos profesionais e redes de distribución e programación estable e continuada no tempo.

Con este obxectivo Escena Galega organizara ás 16.00 h. dese mesmo día un encontro coas representantes do Concello de Lugo Dª Mª Carmen Basadre Vázquez (Concelleira de Cultura, Turismo, Mocidade e Promoción da Lingua) e da Deputación Provincial Dª Pilar García Porto (Deputada de Cultura, Patrimonio e Educación) que, malia ter confirmado a súa presenza e contar co seu compromiso, incluso no día anterior á actividade, finalmente non se puido celebrar xa que ningunha das dúas representantes asistiu, informando desta circunstancia no mesmo día do mesmo sen marxe de maniobra por parte da nosa asociación.

Á actividade do martes 20 de febreiro na cidade de Lugo acudiran 15 compañías, das cales 13 viñan de fóra da provincia: Baobab Teatro, BocAberta, ButacaZero, Caramuxo Teatro, Contraproducións, Chévere, Lucecús Teatro, Malasombra Producións, Matrioshka Teatro, Palimoco Teatro, Producións Teatrais Excéntricas, Redrum Teatro, Teatro del Andamio, Teatro do Noroeste e Urdime.

COMUNICADO DE ESCENA GALEGA EN APOIO A CARLOS SANTIAGO

COMUNICADO DE ESCENA GALEGA EN APOIO A CARLOS SANTIAGO.

COMUNICADO DE ESCENA GALEGA EN APOIO A CARLOS SANTIAGO

COMUNICADO DE ESCENA GALEGA EN APOIO A CARLOS SANTIAGO.

Dende a Asociación Galega de Empresas das Artes Escénicas (Escena Galega) manifestamos a través deste comunicado, e na liña doutras asociacións, colectivos e profesionais do sector cultural, o noso apoio ao compañeiro escritor e dramaturgo Carlos Santiago, ante a persecución mediática á que está sendo sometido despois da súa actuación no pregón do Entroido de Santiago de Compostela.

Cremos firmemente na liberdade de expresión e creación nun eido, o artístico, no que traballan, viven e crean as nosas compañías, e que en ningún caso debe verse ameazada por debates que, consideramos, ademais de ser artificiais e alentados por intereses que pouco teñen que ver co respecto e a tolerancia, non se están desenvolvendo nos termos acaídos a unha sociedade plural, diversa, tolerante e democraticamente madura.

O Entroido supón ademais, de xeito ancestral, un tempo no que, como os compañeiros e compañeiras da Asociación DramaturGA expoñen no seu comunicado “a farsa e a sátira son artefactos pacíficos utilizados contra os poderes establecidos: o momento de subversión dos roles sociais e de transgresión momentánea das convencións morais e normativas” e foi nesa clave, estamos seguros e seguras, na que Carlos Santiago exerceu a súa liberdade como creador exercendo de pregoeiro do Entroido compostelán.

Defendemos agora a Carlos Santiago e sempre a todas as persoas profesionais da creación artística no exercicio das súas liberdades.

Escena Galega. En Santiago de Compostela, a luns 19 de febreiro de 2018.

ASAMBLEA XERAL NO FIOT DE CARBALLO

ASAMBLEA XERAL NO FIOT

ASAMBLEA XERAL NO FIOT DE CARBALLO

ESCENA GALEGA CELEBROU A SÚA ASEMBLEA XERAL NO MARCO DO FIOT DE CARBALLO.

O pasado xoves 19 de outubro Escena Galega celebrou a 3ª e derradeira Asemblea Xeral do ano 2017 no marco do FIOT (Festival Internacional de Outono de Carballo).

Á asemblea, celebrada en horario de mañá no salón de actos do Pazo da Cultura, asistiu unha boa representación das compañías asociadas, que posteriormente se atoparon nun xantar compartido.

A xornada pechouse cunha mesa redonda organizada entre o equipo do FIOT e Escena Galega con representantes de 4 festivais teatrais galegos, na que se trataron diversas cuestións que atinxen á relación entre as compañías e a organización dos festivais.

Queres formar parte de Escena Galega?

Únete a Escena Galega e goza de todos os beneficios dos nosos asociados.

Ver condicións

Liñas de contacto de Escena Galega

Enderezo

Rúa Castiñeiro, 10 local 9
15894, Os Tilos-Teo
A Coruña

Contacto

+34 647 478 236
info@escenagalega.gal

Síguenos