Escena Galega retoma a formación para asociadas cun novo curso de Normativa Legal de Aplicación nas Artes Escénicas

Tras o parón motivado pola situación sanitaria, a Asociación retoma o seu programa formativo cunha sesión intensiva aberta tamén para non-asociadas

Escena Galega retoma a formación para asociadas cun novo curso de Normativa Legal de Aplicación nas Artes Escénicas

Escena Galega retoma a súa oferta formativa cunha sesión intensiva na que se explicarán as normativas legais que son de aplicación no sector das artes escénicas, facendo especial incidencia no convenio colectivo, a contratación e a lexislación específica nos marcos da pandemia da COVID-19.

A xornada, cunha duración de sete horas, terá lugar o vindeiro mércores 27 de outubro de 10h a 19h no Auditorio da Sede de A Fundación en Compostela.

Isabel Vidal será a encargada de impartir o taller. Cunha dilatada carreira no sector das artes escénicas, Isabel é actualmente directora xeral do Grup Focus, presidenta de ADETCA (L'ASSOCIACIÓ D'EMPRESES DE TEATRE DE CATALUNYA), vicepresidenta da federación estatal FAETEDA e portavoz da plataforma transversal ACTÚA CULTURA, que demanda ao goberno catalán a implementación do 2% do seu orzamento total para políticas culturais.

A formación é de balde para socios/as de Escena Galega. No caso de quedar prazas dispoñibles poderán asistir persoas non asociadas, previo pago dunha matrícula de 25 €. Para inscribirse é necesario enviar un correo a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. co título da formación no asunto e os datos da persoa interesada (nome completo/teléfono/correo-e).

A xornada terá lugar atendendo a todos os protocolos e medidas hixiénico-sanitarias vixentes e coa capacidade do espazo reducida a un 50%. Dependendo da evolución da situación sanitaria en Galicia e Cataluña a xornada poderá pasar a celebrarse de maneira online vía Zoom, adaptando os tempos e as pausas a este formato. A Asociación avisará de calquera decisión ao respecto en tempo e forma.

Escena Galega asina, xunto con outras asociacións profesionais, un manifesto conxunto para esixir un trato igualitario, menos restricións nos espazos e protocolos de actuación razoables e precisos

As asociacións profesionais vinculadas ás artes escénicas, os festivais de cinema, a música e a xestión cultural denuncian un trato discriminatorio con respecto a outros sectores produtivos con máis capacidade de presión.

Escena Galega asina, xunto con outras asociacións profesionais, un manifesto conxunto para esixir un trato igualitario, menos restricións nos espazos e protocolos de actuación razoables e precisos

A falta de claridade da normativa sanitaria aplicada, xunto coas restricións debidas a novos gromos en zonas localizadas, dificulta enormemente a celebración de eventos nos espazos, traslada á cidadanía unha mensaxe errónea de que a cultura non é segura.

Tendo en conta a grave situación de parálise que está vivindo o sector cultural, un sector que emprega a 30.000 persoas e achega case o 3% do PIB galego, solicitamos que desde a Xunta de Galicia se adopten as seguintes medidas:

  1. É necesario fixar un único criterio claro e inequívoco de capacidade de espazos que non de lugar a malinterpretacións, por parte das persoas, titulares dos espazos, empresas promotoras, compañías, artistas e nin do público, para que todos os espazos poidan fixar a súa cabida e elaborar plans de continxencia seguindo os mesmos criterios.
  2. Especificar con maior precisión a cabida dos teatros, cines, auditorios, circos de toldo e espazos similares. A cabida debe ser un 50% da capacidade do espazo (unha butaca polo medio en zigzag no caso de butacas fixas) ampliable ata un límite máximo do 75% en caso de asistencia de persoas convivintes, sempre e cando non existan motivos sanitarios que xustifiquen unha capacidade menor.
  3. O criterio para establecer a capacidade nos espazos daqueles concellos ou zonas cunha situación epidemiolóxica máis grave ten que ser necesariamente unha porcentaxe da súa capacidade. Nas zonas con 1 restricións debidas a novos gromos os aforos deben ser proporcionais ao volume do espazo. Queda fora de toda lóxica que espazos con cabida de mil persoas persoas se vexan limitados a sesenta persoas.
  4. Seguindo as recomendacións do Ministerio de Cultura, solicitamos equiparar as Salas de Concertos privadas, ou espazos con licenza similar, permitindo a celebración de concertos e outros eventos escénicos, aos espectáculos en espazos pechados, respectando as medidas que rexen para os teatros, o uso necesario de cadeiras e sempre nun horario que, contando o tempo de desaloxo da sala non supere nunca a unha da madrugada, tal como sucede cos restaurantes e outros establecementos de hostalaría. A retirada de backline, instrumentos, atrezzo e outro equipamento técnico pertencente aos artistas ou ao persoal de producción alleo á sala poderá facerse a continuación do desaloxo do público asistente para garantir o cumplimento das distancias de seguridade estipuladas na normativa actual.
  5. Manter e incrementar a programación cultural no ámbito escolar, insistindo na seguridade nos espazos e a posibilidade de manter neles os grupos de aula distanciados do mesmo xeito que se fai en transporte e comedores escolares.
  6. Solicitamos á Xunta de Galicia a declaración da cultura como ben de primeira necesidade.

MEDIDAS ESIXIDAS ÁS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS:

Tras diversas xuntanzas con múltiples axentes do sector cultural galego detectamos que se están suspendendo espectáculos sen causa xustificada. Isto non so é un erro senón que ten un efecto perverso e multiplicador pois propaga a idea de que a cultura non é segura. Queremos facer un chamamento a todas as Administracións Públicas para que sexan conscientes das gravísimas consecuencias que teñen as cancelacións e aprazamentos nun sector estratéxico como o da Cultura, no que se van incrementando a marchas forzadas os niveis de precariedade nos que vive o sector profesional e dando lugar a danos irreparables para empresas e profesionais que deben asumir as perdas do investimento e a 2 imposibilidade de afrontar o futuro. Os responsables públicos deben dobrar os esforzos xa feitos e garantir a superviviencia de todo o ecosistema cultural, desde artistas, compañías, empresas e profesionais do sector nos seus postos de traballo.

Os poderes públicos deben entender a dimensión desta emerxencia e o seu impacto na sociedade.

  1. Solicitamos a todas as Administracións Públicas que manteñan firme o seu compromiso coa cultura este ano e o vindeiro, coas partidas orzamentarias asignadas e respectando os compromisos adquiridos.
  2. Solicitamos que en todos os contratos de interpretación artística e de espectáculos quede recollida a cláusula de cancelación, de tal maneira que se son suspendidos ou resoltos, no caso de que a pandemia producida pola COVID-19 imposibilite a execución da actividade obxecto deste contrato, as partes buscarán unha alternativa de común acordo. Nos casos nos que sexa imposible a súa realización, e polo tanto se proceda á súa resolución, poderase solicitar o abono dos gastos nos que se tivera incorrido, tales como xestión, distibución, ensaios, produción, publicidade, que poda garantir totalmente os gastos xa executados pola artista ou empresa no momento da devandita suspensión.
  3. No caso da suspensión ou resolución de contratos de servizos de produción e necesidades técnicas asinados con calquera administración pública galega estarase ao disposto no artigo 213 da Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público, pola que se transpoñen ao ordeamento xurídico español as Directivas do Parlamento Europeo e dol Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, de 26 de febreiro de 2014.
  4. Aplicación do III Convenio colectivo autonómico de eventos, servizos e producións culturais de Galicia nos concursos públicos, adxudicacións directas… que dependan das Administracións Públicas.

Lembramos a todas as Administracións Públicas que a Constitución Española no seu artigo 44 establece que os poderes públicos promoverán e tutelarán o acceso á cultura, á que todos temos dereito, e no seu artigo 35 que toda a cidadanía ten o deber de traballar e o dereito ao traballo, algo que na situación actual está sendo vulnerado, pois os promotores privados están practicamente sen actividade e a normativa sanitaria tan confusa dificulta enormemente a promoción privada e pública.

Queremos subliñar que a cultura é segura, que os espazos e os eventos seguen sendo espazos libres de contaxios. Tamén queremos subliñar que somos profesionais, e que por riba de todo co noso traballo garantimos a seguridade e a protección dos traballadores e traballadoras e do público nos nosos eventos, cumprindo os protocolos estritamente.

Para tratar estas medidas, que entendemos que a situación actual require e se adopten con urxencia, solicitamos celebrar unha reunión coas Consellerías de Cultura, Sanidade e a Dirección Xeral de Emerxencias, á maior brevidade.

Entidades Asinantes:

Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena galega)

Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM)

Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC)

Asociación Galega de Salas de Música (Clubtura)

Coordinadora Galega de Festivais de Cinema (Proxecta)

Asociación Sindical de Profesionais Técnicos do Espectáculo (Tesgal)

Músicas ao Vivo (MAV)

Unión de Cooperativas de Galicia (Espazo Coop)

Teatro do Atlántico celebra o seu 35º aniversario enriba das táboas do Salón Teatro compostelán con catro das súas últimas propostas

A compañía, en activo dende 1985, levará esta semana á sede do Centro Dramático Galego catro dos seus títulos máis recentes

Teatro do Atlántico celebra o seu 35º aniversario enriba das táboas do Salón Teatro compostelán con catro das súas últimas propostas

A nosa asociada Teatro do Atlántico celebra esta semana en Compostela os seus 35 anos de traxectoria dentro do sector escénico galego. Como parte desta celebración, levará ao escenario do Salón Teatro compostelán catro das súas pezas, en catro pases que terán lugar do 1 ao 4 de outubro.

Teatro do Atlántico

A compañía arrancou a súa traxectoria en 1985 cunha proposta promovida por María Barcala e Xulio Lago que continúa a día de hoxe. Ao longos destes 35 anos levaron aos escenarios máis de 30 producións que teñen xirado principalmente ao longo do noso territorio, mais tamén en moitos teatros do estado e en numerosas cidades de Portugal, Arxentina, Uruguai ou Venezuela.

O seu primeiro espectáculo Xoana abriu paso a moitos outros: Casa de bonecas, de Ibsen; A noite das tríbades de Per Olov Enquist; Amor de don Perlimplín con Belisa no xardín, de García Lorca; O cerco de Leningrado, de Sanchís Sinisterra, O encoro, de Conor McPherson; A raíña da beleza de Leenane, de Martin McDonagh; Unha primavera para Aldara, de Teresa Moure ou Memoria de Helena e María, de Roberto Salgueiro. 

Ate o de agora, Teatro do Atlántico acadou 69 nominación a 30 premios de Interpretación, Dirección, Escenografía, Iluminación, Tradución ou Mellor Espectáculo e teñen sido parte da programación de festivais nacionais e internacionais como a FIT de Cádiz, FITEI de Porto, FIOT de Carballo, MITEU de Ourense, Latinoamericano de Córdoba (Arxentina), Internacional de Caracas, MIT de Ribadavia, FESTEIXO de Viana do Castelo, Mostra de Cangas, Mostra de Cee ou Muestra "Villa de Madrid", representando sempre en lingua galega. 

A comezos de 2020 quíxose recoñecer tamén dende Escena Galega o labor e traxectoria profesional e artística da compañía, así como o seu traballo pola dignificación do sector escénico profesional galego, co seu recoñecemento como socia de horna.

35º aniversario de Teatro do Atlántico

Para festexar a traxectoria da nosa socia de honra repoñense esta semana no Salón Teatro Helena, xuízo a unha lurpia de Miguel Arco, A conquista da escola de Madhubai, de Hèléne Cixous, Dúas donas que bailan, de Josep María Benet i Jornet e De abrentes e ocasos, recital poético-musical de varios autores. 

As representación terán lugar do 1 ao 4 de outubro no Salón Teatro de Compostela: as primeiras funcións desenvolveranse a partir das 20,30 h., mentres que o recital poético-musical do domingo será ás 18,00 h. A venda anticipada realízase a través de Abanca ou no despacho de billetes do Salón Teatro dúas horas antes do comezo de cada función e ata completar a capacidade marcada en cada momento polas autoridades sanitarias (nestes momentos, 60 persoas para os recintos escénicos pechados de Santiago de Compostela). No caso do recital do domingo, a entrada será unicamente con convite.

 

 

Comunicado de Escena Galega sobre as medidas sumamente restrictivas no relativo á capacidade dos espazos escénicos con ningún caso de COVID-19 detectado en espectáculos ao vivo

Comunicado de Escena Galega sobre as medidas sumamente restrictivas no relativo á capacidade dos espazos escénicos con ningún caso de COVID-19 detectado en espectáculos ao vivo

Escena Galega (Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas) é un organismo de carácter profesional, autónomo e independente, na forma de asociación empresarial na que están integradas 38 empresas e empresarios/as individuais que, legalmente constituídos/as, teñen como actividade fundamental a produción de toda clase de espectáculos escénicos e o seu eido de acción principal na Comunidade Autónoma de Galicia. Escena Galega é asinante, como representación empresarial, do Convenio colectivo autonómico de eventos, servizos e producións culturais de Galicia e do Convenio colectivo de actores e actrices de teatro de Galicia.

Dende a asociación que aglutina a grande parte do tecido empresarial e artístico das artes escénicas profesionais en Galicia queremos mostrar a nosa fonda preocupación e estrañeza polas medidas, absolutamente restritivas, que se están a implementar para o noso sector na actual e continuamente cambiante situación socio-sanitaria derivada da Covid19.

Cremos por riba de todo que, nas circunstancias actuais, son obxectivos fundamentais a saúde pública e a seguridade de público, artistas e resto de profesionais das artes escénicas, entendendo que as circunstancias excepcionais desta pandemia requiren un esforzo colectivo de coidados mutuos e responsabilidade social, ao mesmo tempo que un reforzamento indispensable do noso sistema público de saúde. Con este obxectivo por riba de calquera outro, é difícil de entender en base a que criterios se establecen medidas como a restrición de capacidade dos espazos escénicos ou mesmo o peche doutros espazos de actividade cultural como medida preventiva, cando se demostra que nestes se cumpren, de maneira escrupulosa, as indicacións e medidas hixiénico-sanitarias marcadas polas autoridades, tanto a nivel de responsabilidade individual do público como a nivel dos plans de continxencia e medidas adoptadas por espazos e compañías. .

  • O público:
    • Mantén en todo momento durante o desenvolvemento dos espectáculos a distancia interpersoal requerida (en certos espazos e funcións mesmo entre persoas convivintes) .
    • É tamén obrigatorio en todo o momento durante o desenvolvemento dos espectáculos o uso de máscara.
  • Os espazos promotores (teatros, salas, auditorios ou outros espazos que na situación actual están a acoller actividade cultural):

Operan co seu plan de continxencia adaptado á crise da Covid19, tanto a nivel de relación con artistas e profesionais como co público, que significa en todo momento:

  • Control escrupuloso da capacidade dos espazos que garante en todo momento a distancia interpersoal.
  • Posta ao dispor do público asistente de xel hidroalcólico e, en moitos espazos, outras medidas de desinfección a maiores como a do calzado.
  • Regulación dos accesos de entrada e control de saída do público, de maneira escalonada e organizada.
  • Toma de datos das persoas asistentes, nos termos que marcan as autoridades sanitarias, e que posibilitan, no caso da aparición dun gromo, o rastrexo e seguimento das persoas. .
  • Desinfección e hixienización dos espazos de maneira escrupulosa.

Preguntámonos, por tanto, sen entrar a valorar as medidas indicadas para outros sectores de actividade, por que non se continúan a implementar medidas que atendan de maneira específica á porcentaxe de capacidade nos espazos, que blinden (aínda máis) a seguridade do público e das persoas traballadoras da cultura. Non entendemos situacións, que non observamos noutros sectores, como que teatros e outros espazos escénicos de 1.000 localidades deban operar en certas vilas e cidades a unha capacidade máxima de 60 espectadores (6% da capacidade total do espazo).

E lembramos que, nos meses que levamos de reactivación da actividade cultural, non se ten detectado nin un só gromo relacionado coa actividade do espectáculo ao vivo, o que demostra de maneira palpable o rigor na implementación das medidas, a responsabilidade social e a capacidade de adaptación de todos os axentes profesionais que operan no noso sector, dende artistas ata persoal técnico, pasando por suposto polos espazos promotores de espectáculos.

#EscenaGalega #CulturaSegura #Sentidiño

Escena Galega oferta un novo programa de formación en MS Access para asociadas

O programa, centrando no uso de MS Access, terá tamén a matrícula aberta para non asociadas

Escena Galega oferta un novo programa de formación en MS Access para asociadas

Escena Galega, a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas, oferta un novo curso de formación para asociadas -desta volta en MS Access- cuxa matrícula estará tamén aberta para non asociadas no caso de que queden prazas dispoñibles. 

Tendo en conta as circunstancias derivadas da crise sanitaria, a formación desenvolverase dun xeito non presencial e empregaremos ferramentas telemáticas para que o desenvolvemento do curso sexa en liña.

 

Access é un sistema de xestión de bases de datos incluída no paquete de Microsoft Office que constitúe unha ferramenta moi útil para compilar e organizar información.

 

A duración do curso é de 20 horas e comezará a súa impartición o vindeiro 5 de outubro. A inscrición e matrícula farase a través do enderezo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. co asunto “Formación Access”, indicando o nome e apelidos, nome da compañía asociada -de ser o caso- e un teléfono de contacto. Está aberta ata 2 de outubro  ás 10,00h.

 

Activamos así -como vén sendo habitual dende a Asociación- o programa de formación anual para asociadas, adaptándonos neste caso ás circunstancias e mudando o seu formato cara o online.

 

Pode revisarse toda a información aquí.

Queres formar parte de Escena Galega?

Únete a Escena Galega e goza de todos os beneficios dos nosos asociados.

Ver condicións

Liñas de contacto de Escena Galega

Enderezo

Rúa Castiñeiro, 10 local 9
15894, Os Tilos-Teo
A Coruña

Contacto

+34 647 478 236
info@escenagalega.gal

Síguenos