ENCONTRO ABERTO CON ESCENA GALEGA NA MIT DE RIBADAVIA.

Cinco compañías asociadas participaron neste foro aberto con medios de comunicación e outros axentes escénicos.

ENCONTRO ABERTO CON ESCENA GALEGA NA MIT DE RIBADAVIA.

Na derradeira xornada da 34ª edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia Escena Galega tomou parte dun encontro aberto entre as súas compañías e diversos axentes convidados dende a dirección da MIT.

Participaron da actividade Ibuprofeno Teatro, Contraproducións, Tanxarina Títeres, Urdime e Teatro do Noroeste, presentando as liñas de traballo e filosofía de cada compañía así como os espectáculos e proxectos presentes e futuros.

Estiveron presentes, entre outros axentes, Raúl Losánez, do suplemento cultural do xornal La Razón, Daniel Galindo do programa "La Sala" de RNE, Vanesa Sotelo e Manuel Xestoso da Erregueté e Fabrice Corrons, da Universidade de Toulouse.

No debate posterior falouse, entre outras cousas, da internacionalización das artes escénicas galegas, das posibilidades de coprodución e traballo con outros territorios, da necesidade de documentar todo o patrimonio material e inmaterial que supón a traxectoria do teatro profesional galego e das principais liñas de traballo da nosa asociación.

ESCENA GALEGA PRESENTE NO FITEI DO PORTO.

A ASOCIACIÓN PARTICIPOU NUN DEBATE SOBRE TEATRO GALEGO E MANTIVO XUNTANZAS PROFESIONAIS CON AXENTES DO SECTOR.

ESCENA GALEGA PRESENTE NO FITEI DO PORTO.

Escena Galega estivo no Porto os pasados días 21 e 22 de xuño convidados dentro da programación do FITEI - Festival Internacional de Teatro de Expressao Ibérica, para tomar parte dun debate sobre teatro galego no que estiveron presentes o xerente da asociación Diego V. Meizoso, o director da MIT de Ribadavia Roberto Pascual e Manuel Xestoso da Erregueté, que presentou no festival o último número da revista.

Durante a estancia na cidade mantivéronse xuntanzas profesionais con programadores doutros festivais e feiras presentes no FITEI como Pep Plá, director do Festival TNT de Terrassa ou Norka Chiapusso, director de DFeria en Donosti.

Alén disto xestionamos tamén dúas xuntanzas con Tiago Guedes e Nuno Carinhas, directores artísticos respectivamente do Teatro Municipal do Porto - Rivoli e Campo Alegre e do Teatro Nacional São João (TNSJ), onde presentamos o traballo das nosas compañías asociadas a través do catálogo 2018 de Escena Galega e fixemos o convite oficial para que ambas institucións tomen parte nun 2º encontro de traballo sobre circulación escénica transfronteiriza, despois do primeiro celebrado no pasado Culturgal, e que terá lugar en Viana do Castelo grazas ao convite realizado pola súa Câmara Municipal e o Teatro do Noroeste - Centro Dramático de Viana.

CURSO DE DISTRIBUCIÓN IMPARTIDO POR NINES CARRASCAL.

Escena Galega organizou esta xornada formativa para as súas compañías asociadas.

CURSO DE DISTRIBUCIÓN IMPARTIDO POR NINES CARRASCAL.

Nines Carrascal é unha das produtoras e distribuidoras de artes escénicas máis recoñecidas do Estado. Licenciada en Historia Contemporánea e Máster en Xestión Cultural, Música, Teatro e  Danza (ICCMU), a súa traxectoria profesional comeza no ano 1995 no ámbito da produción e distribución de artes escénicas coa compañía Histrión Teatro, coa que leva producidos máis de 20 espectáculos.

 

Anos despois crea Escena Granada Distribución e traballa con compañías como a Companhia do Chapitô, Teatro del Velador, Producciones Imperdibles, Johan Lorbeer ou El Gran Dimitri. Como docente imparte numerosos talleres de distribución e participa como ponente en foros e encontros do sector. Dirixiu diversos estudos de investigación e actualmente é a comisaria de  MERCARTES 2018.

 

Escena Galega organizou a primeira xornada formativa do ano para as súas compañías asociadas o pasado venres 15 de xuño, na biblioteca do Consello da Cultura Galega. O curso tiña como obxectivos principais aprender a definir e estruturar un plan de distribución e entrenar técnicas e estratexias encamiñadas á venda.

 

O programa contou cos seguintes puntos:

 

1.- Planificación estratéxica da distribución. Cando comezamos a vender?

2.- Que vendemos? Como o vendemos? Aprender a construír un relato. 

3.- O prezo final e o prezo de custe.

4.- Estruturación do mercado: circuítos/redes, feiras, festivais...

5.- O cliente: quen é quen.

 

6.- Materiais de distribución.

 

A formación, baseada nunha mistura de teoría e supostos prácticos, incidiu nas estratexias de venda e distribución máis acaídas á realidade dun sector como o galego, traballouse cun modelo de elaboración dun caché con gastos fixos e variables e na presentación breve e concisa, en formato elevator pitch, dalgúns dos proxectos das compañías inscritas.

13 COMPAÑÍAS DE ESCENA GALEGA PRESENTES EN GALICIA ESCENA PRO.

Serán nove espectáculos e 4 novos proxectos presentados en formato pitching.

13 COMPAÑÍAS DE ESCENA GALEGA PRESENTES EN GALICIA ESCENA PRO.

Galicia Escena PRO, a feira galega das artes escénicas, celébrase entre o luns 11 e o xoves 14 de xuño, en 4 escenarios de Santiago de Compostela: o Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio ABANCA do Preguntoiro e Arteria Noroeste.

Nesta edición de 2018 son 150 os profesionais acreditados/as entre profesionais da programación escénica, compañías, feiras e festivais.

Escena Galega estará presente a través do traballo de 13 das súas compañías. Presentarán espectáculo Contraproducións con "Fillos do sol", Talía Teatro con "O servidor de dous amos", Tanxarina con "A galiña azul", Producións Teatrais Excéntricas con "Cranios privilexiados... ou crítica da razón perralleira", Sarabela Teatro con "O rei morre", Elefante Elegante con "Patapúm!", A Panadaría con "Elisa e Marcela", Eme2 Producións con "A leituga" e Ibuprofeno Teatro con "Casa O' Rei".

Alén disto, as presentacións de proxectos en formato pitching acollerán tamén a 4 das nosas compañías: Teatro del Andamio presentará o espectáculo "Insubmisión", Chévere o proxecto "Anatomía dunha serea", Inversa Teatro "Sofía e as postsocráticas" e a compañía PistaCatro "Arnoia Arnoia: o circo da casa pequena".

Este ano Galicia Escena PRO programa ademais, en colaboración con MADFeria, dúas producións madrileñas: "Soñando a Pinocho" da compañía La Tartana e "Lo nunca visto" de La Estampida.

Toda a información sobre os espectáculos, datas e horarios en www.galiciaescenapro.gal 

 

APOIO Á ACTRIZ IRIA PINHEIRO

APOIO Á ACTRIZ IRIA PINHEIRO

APOIO Á ACTRIZ IRIA PINHEIRO

COMUNICADO DE ESCENA GALEGA EN APOIO Á ACTRIZ IRIA PINHEIRO.

Santiago de Compostela, venres 9 de marzo de 2018.


A Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega) quere amosar a través do presente comunicado o seu total apoio á actriz Iria Pinheiro, que ven de presentar unha denuncia penal por acoso no Xulgado de Garda número 3 de Santiago de Compostela contra o director do programa Con amor e compañía emitido pola Televisión de Galicia, José Luis Viñas Horta, tal e como relata o medio Sermos Galiza.

Iria Pinheiro sufriu, tal como relata a devandita denuncia, unha situación de violencia que consideramos absolutamente intolerable e que condeamos da forma máis enérxica, no convencemento de que só a través da loita de todos e todas poderemos establecer as bases para que comportamentos como estes non teñan que sufrilos máis compañeiras na nosa profesión, e en ningún outro eido das súas vidas.

Escena Galega quere posicionarse, agora e sempre, en contra das violencias machistas en todas as súas formas, que denigran de forma perversa e noxenta ás mulleres e que atentan contra os dereitos máis elementais polos que, tamén dende a nosa Asociación, loitamos e que deben conformar unha sociedade xusta, democrática, tolerante e diversa, onde o machismo e as violencias derivadas del e da estrutura patriarcal non teñan cabida.

Solidarizámonos con Iria Pinheiro hoxe, e sempre con todas as mulleres que sufriron e sufren as violencias machistas, tamén dentro do ámbito da nosa profesión.

main info en:

www.sermosgaliza.gal

Queres formar parte de Escena Galega?

Únete a Escena Galega e goza de todos os beneficios dos nosos asociados.

Ver condicións

Liñas de contacto de Escena Galega

Enderezo

Rúa Castiñeiro, 10 local 9
15894, Os Tilos-Teo
A Coruña

Contacto

+34 647 478 236
info@escenagalega.gal

Síguenos