ESCENA GALEGA COORGANIZA POR PRIMEIRA VEZ COA AGADIC GALICIA ESCENA PRO

Será a primeira vez na que a asociación estea presenta na organización do mercado galego das artes escénicas.

ESCENA GALEGA COORGANIZA POR PRIMEIRA VEZ COA AGADIC GALICIA ESCENA PRO

Escena Galega considera de interese prioritario para o sector das artes escénicas profesionais en Galicia o mercado Galicia Escena PRO, por iso neste 2019 entra por vez primeira nun proceso compartido de traballo para a coorganización do evento en colaboración coa AGADIC.

Galicia Escena PRO terá lugar en diversos escenarios de Santiago de Compostela, e na actualidade Escena Galega traballa en ideas e propostas para a mellora da área profesional desta feira, nunha proposta de dirección artística compartida por un grupo de profesionais de recoñecido prestixio no sector, así como en diversas ideas para a implementación das necesidades de produción.

INTENSA TEMPADA DE ESTREAS PARA AS COMPAÑÍAS ASOCIADAS A ESCENA GALEGA.

Nos vindeiros días 4 compañías abrirán o pano das súa novas producións.

INTENSA TEMPADA DE ESTREAS PARA AS COMPAÑÍAS ASOCIADAS A ESCENA GALEGA.

En apenas unha semana abrirán o pano 4 novas producións das nosas compañías asociadas, que veñen sumarse ás estreas no pasado mes de xaneiro de VOADORA con "Hemos venido a darlo todo" e Malasombra Producións e a súa "Bernarda".

Este venres 22 e sábado 23 de febreiro no Pazo da Cultura de Narón Talía Teatro estrea o espectáculo "Vida de cans", con texto e dirección de Cándido Pazó e cos actores Toño Casais, Dani Trillo e Artur Trillo no reparto.

Producións Teatrais Excéntricas estará o vindeiro mércores 27 con "Carpe Diem" no Teatro Principal de Santiago. Sobre un texto do brasileiro Rubem Fonseca, a peza parte dunha anécdota moi cinematográfica: "unha muller e un home coñécense nunha previsible festa de fin de ano e comezan unha relación ilícita: os dous son casados con outras persoas. Un caso de adulterio entre persoas da clase alta."

O xoves 28 será a quenda de Contraproducións con  "A compañeira de piso", de Jen Silverman, unha coprodución co Centro Dramático Galego con Belén Pichel e Cándido Pazó na dirección e as actrices Rebeca Montero e Patricia Vázquez no reparto.

E para rematar a semana PistaCatro e o Colectivo Verticalia levarán ás táboas do Teatro Rosalía de Castro de A Coruña o venres 1 de marzo a peza "Alma (non é hippie)", coas creadoras Paula Quintas, Marta Alonso, Raquel Oitavén e Mercè Solé.

FORMACIÓN EN DESEÑO GRÁFICO E EDICIÓN DE AUDIO/VÍDEO PARA AS NOSAS COMPAÑÍAS.

Iñaki Quenerapú impartiu a última acción formativa do ano no programa de Escena Galega.

FORMACIÓN EN DESEÑO GRÁFICO E EDICIÓN DE AUDIO/VÍDEO PARA AS NOSAS COMPAÑÍAS.

O último curso de formación do 2018 dentro do programa formativo de Escena Galega para as súas compañías asociadas consistiu nun obradoiro exprés de deseño de material gráfico e edición de audio e vídeo, enfocado ao traballo e necesidades das empresas de artes escénicas a nivel de comunicación e distribución das súas producións.

A actividade foi impartida polo docente Iñaki Quenerapú e contou con 8 horas de formación intensiva e un xantar de traballo compartido entre docente e alumnado.

Este obradoiro ven de completar as accións formativas deste ano, sendo as dúas anteriores un taller de distribución de produtos escénicos impartido por Nines Carrascal, comisaria de Mercartes, e outro de produción impartido por Toni Tarrida, xefe de produción de Mercat de les Flors.

Queres formar parte de Escena Galega?

Únete a Escena Galega e goza de todos os beneficios dos nosos asociados.

Ver condicións

Liñas de contacto de Escena Galega

Enderezo

Rúa Castiñeiro, 10 local 9
15894, Os Tilos-Teo
A Coruña

Contacto

+34 647 478 236
info@escenagalega.gal

Síguenos